Un reto para 2022: o sector turístico quere convertelo no mellor da última década

Os diferentes mercados que forman parte do Clúster de Turismo da Galiza consideran que este foi un bo verán en canto aos datos, fornecidos sobre todo polas viaxeiras do país, doutros territorios do Estado ou de Portugal. Mais estes bos resultados non compensan todo o tempo que pasaron fechados os negocios, polo que acusan ao Executivo español de facer case imposíbel acceder á súa liña de axudas e demandan un cambio nos criterios.

O sector vincula as estimacións para 2022 á ampliación do Xacobeo. Na imaxe, turistas nunha visita guiada á catedral. (Foto: César Arxina / Europa Press) #turismo #xacobeo #2022 #economía
photo_camera O sector vincula as estimacións para 2022 á ampliación do Xacobeo. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Nun clima de satisfacción por un verán co traballo ben feito por parte da maioría do sector, o Clúster de Turismo da Galiza considera que ten o cóctel de ingredientes preciso para que 2022 “sexta un dos mellores ou o mellor da última década turisticamente falando”. O presidente da organización, Cesáreo Pardal, aclara que se este ano xa houbo negocios “con cifras mellores ás de 2019”, salvo unha recaída inesperada noutra cepa do coronavirus esperan unhas cifras que dean a volta aos balances.

É posíbel, moi probábel, que por moi bos que sexan os resultados do futuro non se compensen as perdas de máis dun ano de crise sanitaria coas restricións derivadas, mais feitos como que o Xacobeo se amplíe a 2022 e que a xente teña cada vez máis gana de saír da casa fan pensar nese récord para “todo tipo de negocios”.

Quizais os que máis tarde remontarán serán as axencias de viaxe, porque como lembra o representante do Clúster, os “voos internacionais van despegando pouco a pouco e tamén hai que ser cautos”.

De feito, o turismo de proximidade foi a aposta clara deste verán. “É certo que a xente non viaxou moito fóra da Galiza; hai que agradecelo aos turistas nacionais, galegos e portugueses”, considera Pardal, pois calcula que as e os visitantes internacionais non deberon superar o “5%” sen contar aos do Estado veciño.

Así, por exemplo, a ocupación dos hospedaxes en xullo estivo nunha media do 75%, que pasou ao 85% en agosto. Nesta primeira quincena de setembro as porcentaxes movéronse no 50% para dar paso a “entre un 35 e un 50% na segunda quincena”.

En todo caso, entre un estío satisfactorio e un ano que agardan histórico, “veñen tempos complicados” na tempada de outono e inverno.

Incremento dos prezos

Ademais de completar as capacidades, ter unha maior estabilidade económica pasa por procurar unha maior rendibilidade. Pardal considera que un problema do sector é que ten unha “relación calidade-prezo” que non hai noutros territorios do Estado español pero non está a “cobrar o xusto”.

“Temos unha calidade moi boa e os prezos non se corresponden con ela, tiñan que ser superiores”, di, aludindo ao que considera falta desa rendibilidade. “A planta hoteleira renóvase cada cinco anos pero se vendemos só a prezo morremos porque non podemos seguir investindo”, reflexiona, incidindo en que hai que camiñar cara “un turismo de calidade, rendíbel e sostíbel”.

Propietarios de vivendas facendo “competencia desleal”

Precisamente, preguntado por Nós Diario, sobre as posíbeis perdas dos aloxamentos de sempre polos pisos destinados a visitantes temporais, o presidente lembra que representa a todo o sector e destaca que aquelas persoas que emprenden “a nivel empresarial, que están dadas de alta, que cotizan, que pagan os seus seguros e aos seus traballadores, teñen un negocio” e son iguais que o resto das compañías.

“Ogallá todos xogásemos na mesma liga”, di, ao tempo que subliña que hai moitas propiedades dentro do circuíto pero sen “regular”. Iso é “competencia desleal” porque non teñen todas as empresas “as mesmas cartas”.

Se hai uns 15.000 apartamentos e casas legalizados, o representante do sector fai referencia a datos de que habería outros “14.500 sen regular”. Por iso, demandan á Xunta que incremente o control porque na actualidade hai “poucos inspectores”.

Críticas ao Estado español por uns criterios que premian ao peor empresariado

Porén, agora mesmo teñen un problema maior que é a imposibilidade de acceder as liñas de axudas do Goberno de Pedro Sánchez como compensación ás perdas derivadas da Covid-19. Mentres que agradece que as do Executivo galego si chegaran aos negocios, Pardal acusa ao Estado de pór case imposíbel adaptarse aos criterios.

“Tiñan 3.500 millóns de euros para repartir entre o sector turístico pero van quedar sen gastar porque non se axustan á realidade”, destaca.

Se nas subvencións galegas houbo 40.000 solicitudes, neste caso só se pediron 4.000 e non é porque os estabelecementos non as precisen para saír das súas particulares recesións. “Non ten dereito a axudas o que declarou perdas en 2019 ou o que non tivo unha baixada dun 40% da facturación, e non ten dereito aquel que non debe nada”, lamenta.

“Premian á xente que debe cartos”, subliña, advertindo de que senta un mal precedente porque podería levar a que o empresariado preferira deber nun futuro.

“Ao mellor algunhas persoas descapitalizaron as empresas para facer fronte aos pagos”, pero iso non lles permite reclamar, polo que teñen interlocutores en Madrid que están facendo presión para que se rebaixen as características para poder demandar unha achega económica pública.

Comentarios