domingo 01/08/21

O sector turístico confía en fechar un verán con boas cifras e teme máis ao tempo que á Covid

O Clúster de Turismo afirma que hai máis preocupación pola meteoroloxía que polos efectos continuados da Covid-19, xa que os deberes para a seguridade do público están feitos. Ademais, destacan o importante papel que están a ter as galegas e galegos no mantemento dos negocios.
Un peregrino nunha das etapas do Camiño. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #turismo #camiño #previsións #visitantes #covid19
Un peregrino nunha das etapas do Camiño. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A crise vai por barrios, por negocios e por actividade específica, mais o sector do turismo en Galiza parece convencido de que malia o empeoramento da crise sanitaria nos últimos días o verán pode deixar un resultado positivo.

O presidente do Clúster de Turismo da Galiza, Cesáreo Pardal, comenta que as distintas compañías agrupadas dentro deste organismo ven “a campaña de verán con ilusión”.

Neste sentido, confesa que están “máis preocupados polo tempo que pola Covid”. “Se temos bo tempo teremos bo verán”, reflexiona, con independencia de que haxa certos cambios puntuais nas restricións derivados do incremento dos contaxios.

Fala a nivel global, pois non todos os mercados aos que representa o clúster están na mesma situación. O lecer nocturno, por exemplo, xa viviu a mudanza das medidas de seguridade fronte ao coronavirus apenas unha semana despois de retomar a actividade.

Pardal confía en que a maior poboación vacinada, máis poda mellorar a ocupación. Así, nos últimos días había un nivel de reservas de “entre o 25 e o 50% en xullo e entre o 50 e o 75% para agosto”.

Quizais as cifras non se asemellen a anos anteriores á chegada do virus, pero invitan ao optimismo das empresas turísticas nun momento difícil. De feito, non se descarta que as chamadas de última hora, en función da meteoroloxía, melloren as axendas dos estabelecementos de hospedaxe.

Pardal aproveita para agradecer a galegas e galegos que “o ano pasado salvaron a campaña” en certa medida, ao apostar por facer viaxes dentro da terra. Para este estío agardar atender tamén a “galegos, portugueses e veciños de zonas a dúas ou tres horas de aquí que poidan chegar en coche”.

O sector turístico confía en fechar un verán con boas cifras e teme máis ao tempo que á...
comentarios