Renfe deixa máis baratas as viaxes a Madrid que as conexións na Galiza

Usuarios denuncian nas redes sociais que para a ponte da Constitución sae máis barato ir de Ourense a Madrid que aproveitar a conexión coa Coruña. Consideran esta variación das tarifas "unha tomadura de pelo máis de España".
Pasaxeiros agardan para subir a un tren de Renfe durante a última folga (Foto: Alejandro Martínez Vélez/Europa Press).
photo_camera Pasaxeiros agardan para subir a un tren de Renfe durante a última folga. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Usuarias e usuarios dos trens de Renfe veñen de criticar unha vez máis as tarifas para viaxar en tren entre as cidades de Ourense e A Coruña.

A través das redes sociais trasladan a consideración de que hai certa desigualdade nos custes estabelecidos pola empresa ferroviaria.

Segundo remarcan, moverse entre dúas das principais cidades galegas implica un custo de 20,25 euros a viaxe, é dicir, a ida e a volta sairían por máis de 40 euros agás no caso de aproveitar algún tipo de desconto.

Curiosamente “Renfe ofrece viaxes a Madrid, desde Ourense, por 15 euros”, algo que non comprenden moitas persoas que habitualmente precisan unha conectividade dentro do propio país.

Foron prezos que se detectaron, por exemplo, para a próxima ponte da Constitución Española. "@Renfe e o AVANT son unha tomadura de pelo máis de España", sinalou molesta unha das persoas que se sinten afectadas.

Queixas polos pequenos atrasos

Á marxe das críticas polos prezos dos billetes, nas últimas semanas -xa antes da folga do persoal da compañía- escoitábanse certas queixas na Galiza polos cada vez máis habituais atrasos nos trens.

Malia que as chegadas e saídas varían escasos minutos do estipulado por Renfe, o certo é que esas pequenas variacións vanse acumulando cando antes o que se destacaba do servizo era a súa puntualidade ou mesmo que os trens chegaban antes do previsto a destino.

Aliás, tamén na pasada sexta feira -cando se levantou o paro- houbo certo descontrol, chegando a desaparecer das pantallas e da axenda un tren que conectaba Santiago e A Coruña a última hora da noite. As e os viaxeiros só tiveron advertencia por parte da compañía cando o tren alternativo -máis tardío- ía marchar e o vivido na estación compostelá foi un caos.

Comentarios