Galiza, penalizada na folga de Renfe por carecer de trens de proximidade

Os servizos mínimos na media distancia fixados para as xornadas da folga dos maquinistas só afectan a 65% das frecuencias mentres que nos de proximidade acada 75%.
Imaxe de arquivo dun tren de Media Distancia. (Foto: Renfe)
photo_camera Imaxe de arquivo dun tren de Media Distancia. (Foto: Renfe)

O feito de non contar cunha rede de trens de proximidade vaille pasar factura a Galiza durante a folga de oito días convocada polo sindicato de maquinistas (Semaf) que comeza esta quinta feira.

O Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana fixou os servizos mínimos de trens nunha media do 72% para a Alta Velocidade e Longa Distancia e do 75% mínimo para as circulacións dos trens de proximidade. 

O Goberno determinou estes servizos mínimos de carácter obrigatorio para asegurar a prestación dos servizos esenciais de transporte ferroviario de viaxeiros e mercadorías, polo momento só para os días 30 de setembro e 1, 4 e 5 de outubro.

Segundo a resolución do Ministerio, os servizos mínimos esenciais establécense en trens de proximidade en función dos diferentes núcleos, liñas e franxas horarias, variando a porcentaxe entre uns máximos de 100% en hora punta e do 75% do servizo habitual no resto do día, aínda que estas porcentaxes foron corrixidas con posterioridade pola Audiencia Nacional a 75% en hora punta e 50% no servizo habitual. 

Porén, os servizos máis prexudicados serán os de Media Distancia, que son os que operan maioritariamente na Galiza. Neste caso, o Ministerio estabelece unha media de 65% dos servizos habituais, mentres que os de Alta Velocidade e Longa Distancia quedan en 72%.

Sobre os servizos de Media Distancia, transportes recoñece que teñen como únicas alternativas o autocar interurbano e o vehículo particular, polo que calcula que será necesario ese 65% de servizos mínimos para transportar o resto de viaxeiras.

"Con esta porcentaxe, aínda que todos os viaxeiros non poden acceder ao tren, poderán optar a outros medios de transporte públicos que lles permitan a mobilidade, ou ben modificar os seus horarios de desprazamento", apuntan desde Transportes na resolución.

Renfe ofrecerá as viaxeiras afectadas por trens suprimidos a posibilidade de viaxar noutro tren no horario máis aproximado ao adquirido. Se non desexan realizar viaxe, poderán anular ou cambiar para outra data o seu billete sen ningún custo.

As operacións de anulación ou cambio pódense realizar en todas as canles de venda de Renfe, que lamenta nun comunicado as molestias que as xornadas de folga poidan ocasionar.

Comentarios