Que mudaría coa reforma fiscal que se vota no Congreso esta terza feira?

Unidas Podemos presenta unha proposición non de lei para, entre outras cuestións, incluír novos treitos no IRPF, rebaixar os impostos ás pemes ou subirllelos ás grandes compañías eléctricas, así como fixar un IVE menor para os produtos de hixiene feminina.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, conversa no Congreso co portavoz de Unidas Podemos, Pablo Echenique (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press).
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, conversa no Congreso co portavoz de Unidas Podemos, Pablo Echenique (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press).

Unidas Podemos (UP) mide forzas esta terza feira no pleno do Congreso coas súas propostas para a reforma fiscal, após detallar unha batería de exixencias, como un novo imposto non bonificábel ás grandes fortunas, unha recarga ás grandes eléctricas e rebaixas no IVE a produtos de hixiene feminina e os tipos aos que tributan as pemes (pequenas e medianas empresas).

Estas propostas inclúense na proposición non de lei que esta formación do Goberno defenderá na Cámara Baixa, o que obrigará a pronunciarse ao seu socio no Executivo, o PSOE, que xa manifestou a súa reticencia a iniciar este debate. Así, tras a presentación destas propostas a semana pasada, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, cualificou de "inoportuna" esta "irrupción", esgrimindo que ten lugar antes de que o grupo de persoas expertas convocado para esta reforma entregue as súas conclusións.

Pola súa parte, desde o grupo confederal reivindicaron falar de "contido" e non "dos tempos", exixindo por iso unha reforma "ambiciosa". UP concretou as súas propostas nun acto decorrido a semana pasada no que participaron as dúas ministras de Podemos no Goberno, Ione Belarra e Irene Montero, xunto co que fora líder do Partido Laborista inglés, Jeremy Corbyn, representantes do Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) e máis a ONG Oxfam Intermón.

Máis treitos no IRPF a partir de 120.000 euros

No que atinxe ao IRPF, Unidas Podemos insta a achegar o gravame ao que se somete o aforro á base impoñíbel xeral, e reforzar a progresividade do imposto, incluíndo novos treitos con maiores tipos para rendas superiores aos 120.000 euros.

Substitución do Imposto sobre o Patrimonio

Aliás, a formación morada avoga por substituír o Imposto sobre o Patrimonio por un novo sobre as grandes fortunas cun mínimo exento dun millón de euros, que non sexa bonificábel por parte dos gobernos territoriais e cos seguintes treitos: 2% para os patrimonios netos a partir dun millón de euros, 2,5% a partir de 10 millóns, 3% a partir de 50 millóns e 3,5% a partir de 100 millóns.

Desde UP xustifican estas características "para evitar a existencia de paraísos fiscais interiores como o caso da Comunidad de Madrid", unha proposta xa exposta en anteriores ocasións, caso da Comisión para a Reconstrución no Congreso ou os últimos Orzamentos Xerais do Estado, onde expuxeron unha tributación mínima non exenta en Patrimonio.

Rebaixa ás pemes

No Imposto sobre Sociedades, o grupo confederal chama a "corrixir" a erosión da base impoñíbel para que "os grandes grupos empresariais deixen de utilizar os mecanismos de elusión actualmente ao seu alcance para reducir a tributación". Todo iso con vistas a que "as pemes paguen un pouco menos de impostos e as grandes corporacións paguen tipos efectivos similares aos que pagan as pemes, situando un mínimo efectivo de 15% estaeblecido sobre o beneficio neto", explican na súa iniciativa.

No documento que esta terza feira se vota no Congreso, Unidas Podemos tamén insta a "avanzar nos compromisos internacionais para loitar contra os paraísos fiscais e para compensar a deterioración das bases impoñíbeis asociada ao proceso de globalización".

Suba do gravame ás eléctricas

En Sociedades, propoñen elevar dez puntos porcentuais o tipo impositivo ao que tributan as empresas eléctricas cun volume de facturación a partir de 10.000 millóns de euros, durante un período de cinco anos prorrogábel por outros de duración similar. Desde o socio minoritario do Goberno esgrimen este endurecemento para "axudar aos consumidores vulnerábeis no proceso de transición enerxética".

Por outra parte, a formación morada pide unha reorganización do 'menú' de beneficios fiscais para asegurar un carácter progresivo do sistema fiscal e mellorar a súa avaliación, a partir dun informe anual de execución dos mesmos, semellante ao de execución de gasto público. Este, explican, deberá recoller as categorías contidas na memoria de beneficios fiscais dos Orzamentos Xerais do Estado, xustificando que "este exercicio de transparencia contribuiría ao estudo dos beneficios fiscais sobre a progresividade".

Finalmente, expoñen unha mellora da fiscalidade ambiental para "reforzar o principio de 'quen contamina, paga', facendo un maior fincapé na produción e non no consumo", coa fin de "evitar que calquera imposto 'verde' afecte o peto da xente traballadora".

A reforma fiscal, prioridade absoluta para UP

Tras a aprobación e convalidación da reforma laboral, a reforma fiscal é considerada en UP como unha das grandes prioridades da lexislatura, pretendendo con ela "dar un xiro de 180 graos" ao sistema impositivo, segundo recoñecen na propia exposición de motivos da proposición non de lei. Coa progresividade como principio fundamental, tal e como vén recollido na Constitución Española, Unidas Podemos defende reorganizar e remodelar beneficios fiscais, exencións, ou reducións que ven como "elementos importantes de regresividade" ou mesmo de "privilexios para as grandes empresas".

Aliás, Unidas Podemos advirte de que, aínda recoñecendo o fracaso da "mal chamada austeridade", "chegará un momento en que España terá que traballar para reducir a súa débeda pública" e xustifica que "a única forma de facer isto sen recortes no Estado do Benestar é levar a cabo unha ambiciosa reforma fiscal". Todo iso coa fin de reducir unha fenda de ingresos públicos de entre sete e nove puntos de PIB a respecto da Unión Europea, aseguran, que supón un "infrafinanciamento" do Estado de Benestar como consecuencia da falta de ingresos no sistema tributario.

Comentarios