Queres coñecer cales son as empresas que máis cartos adebedan a Facenda?

As firmas Martinsa-Fadesa ou Clesa aparecen entre as maiores morosas da Galiza, segundo a listaxe publicada esta segunda feira pola Axencia Tributaria. A administración falou de máis casos con grandes cifras pendentes de pago.
Acto na saída a bolsa de Martinsa-Fadesa, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press) #martinsafadesa #morosidade #facenda
photo_camera Acto na saída a bolsa de Martinsa-Fadesa, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A compañía Martinsa-Fadesa, as construtoras Inalcuba e Epaat, o ex banqueiro Mario Conde ou a firma Clesa son algunhas das contribuíntes que aparecen na listaxe de morosas que fixo pública a Axencia Tributaria esta segunda feira. No documento aparecen aquelas sociedades ou persoas que teñen débedas superiores a 600.000 euros coa facenda pública. 

A sociedade en liquidación fundada por Fernando Martín Álvarez, por exemplo, aínda ten pendente un pago de 24,08 millóns (o ano pasado eran 27). Inalcuba non abonou 9,77 millóns e a promotora Epaat fica con 8,02 millóns.

Pola súa parte, segundo as cifras facilitadas esta segunda feira por Facenda, Mario Conde debe agora 7,82 cando hai xusto un ano estaba por enriba dos 8,4 millóns de euros.

No entanto, esa gran cantidade o mantén na listaxe de morosos ao igual que sucede con Clesa, que aínda ten que abonar 6,66 millóns de euros.

Por enriba dos cinco millóns de euros

Outros nomes propios da economía galega que figuran como morosos por deixar pendente o pago de tributos son Gallega de Molienda de Clínker (6,32 millóns), Energal Distribución de Biocarburantes (5,99 millóns) e Freiremar (5,62 millóns de euros).

Por enriba da cifra dos cinco millóns está tamén a Compañía de Protección e Vixilancia Galaica (5,44 millóns).

Aliás, entre os tres e os catro millóns figuran Limpezas do Noroeste (3,92 millóns); Carburantes Noroeste (3,46 millóns); Cinur Consultores Urbanísticos e Inmobiliarios (3,41 millóns); Ferralla Lois (3,34 millóns); Construccións Mon (3,33 millóns) e Confecciones Deus (3,3 millóns).

Comentarios