A IMOBILIARIA DECRETA A SúA LIQUIDACIóN

A liquidada Fadesa debía a Abanca 427 millóns

Martinsa-Fadesa resolveu esta segunda feira decretar a súa liquidación como compañía após non ter chegado a un acordo cos seus acredores, aos que debía por volta de 7.000 millóns de euros. Segundo puido saber Sermos Galiza, a débeda de Fadesa con Abanca ascende a 427 millóns de euros.

O principal acredor de Martinsa-Fadesa é o Sareb, o banco mao criado por Madrid por ditado da Unión Europea cando Bruxelas resgatou o sistema bancario español. A débeda da imobiliaria presidida por Fernando Martín con esta entidade ascende a 1.400 millóns de euros. O principal accionista do Sareb é o Estado, através do Frob, propietario do 48% dos títulos.

A débeda total de Martinsa-Fadesa está por volta dos 7.000 millóns de euros. Deles, 427 millóns corresponden a Abanca. Caixabank ten comprometidos créditos por valor de 908 e o Banco Popular, débitos por un importe de 508.

Abanca, portanto, ten o 6% dos créditos de Martinsa-Fadesa.

De ter prosperado un acordo cos acredores, o banco presidido por Escotet podería ter recuperado por volta do 25% do diñeiro emprestado no seu momento á imobiliaria.

O Sareb, Caixabank e Popular -entre estas tres entidades sumaban o 56% dos direitos de voto como acredores- impediron o acordo con Martinsa-Fadesa e empurrárona á liquidación. Abanca si era partidaria do acordo coa empresa presidida por Fernando Martín.

Fontes do sector consultadas por El Mundo estiman que os activos que aínda posúe Martinsa-Fadesa poderían ter un valor no mercado no entorno dos 800 millóns de euros. Ese diñeiro sería agora a repartir entre os acredores.

Abanca dificilmente poderá evitar perdas por volta dos 300 millóns

A compañía agora liquidada encarregou no seu día unha taxación independente dos seus activos recuperábeis agora para o mercado, valorados nunha cantidade tres veces superior á achegada por El Mundo: 2.482 millóns de euros.

No mellor dos casos, Abanca podería facerse, no reparto de activos, con propiedades -basicamente son terrenos e solares- por un valor de 150 millóns de euros. En todo caso, dificilmente evitará perdas por volta dos 300 millóns.

Fadesa pasou a ser controlada en 2006 por Fernando Martín, quen lle mercou ao empresario coruñés Manuel Jove o 56% das accións da empresa por un monto total de 2.209,3 millóns de euros.

Martín acabaría presentando unha demanda contra Jove por considerar que este, no transcurso da Opa amigábel sobre a súa empresa, falseara os dados da compañía. O Tribunal Supremo deu a razón a Jove. Martinsa-Fadesa gastou no proceso xudicial máis de 20 millóns de euros e perdeu nel a súa última baza para evitar a liquidación: demandaba unha indemnización de 1.576 millóns de euros. 

Comentarios