Débedas de empresas

A nova lista de morosidade inclúe varias empresas galegas

As empresas Martinsa-Fadesa, Freiremar, Blusens e Caramelo continúan na lista de morosidade publicada pola Axencia Tributaria. Outras non repiten este ano como é o caso da compañía de decoración Pórtico, e hai algunhas como o Club Deportivo Ourense SAD que caen da lista após verse na obriga de optar pola súa disolución

photo_camera Oficina da Axencia Tributaria

Varias empresas con galegas continúan na lista de morosidade publicada un ano mías pola Axencia Tributaria. É o caso de Martinsa-Fadesa, claro exemplo da burbulla inmobiliaria que rematou por realizar o maior concurso de acredores da historia do estado Español. Foi en 2008 e só sete anos após, en 2015, entrou en proceso de liquidación. Agora repite na lista de morosidade con 50,3 millóns de euros a deber.

A Compañía Galega de Licores con sede en San Cibrao tamén figura na listaxe e adebeda 22,11 millóns de euros a Facenda, mentres que a empresa metalúrxica Acerías As Pontes alcanza a cifra de 21,5 millóns. Gallega de Molienda de Clicker, con sede en Coirós e que se dedica á comercialización de cemento, ten unha débeda de 6,42 millóns de euros e a Blusens acada os 5,73 millóns. Esta última compañía é unha empresa tecnolóxica fundada en Santiago en 2003 que medrou a un ritmo vertixinoso até que en 2013 transcendeu que os xulgados a investigaban por unha fraude en relación ao impago do IVE, debendo uns 800 mil euros.

A listaxe de moriosidade tamén inclúe Freiremar cunha débeda de 5,62 millóns, Hierros y Laminados Añón SL con 1,55 millóns, as ferrolás Montaxes Industriais do Noroeste SA con 4,39 millóns, Limpezas do Noroeste SAU con 3,92 millóns, Carburante Noroeste SL con 3,5 millóns e Autos Lobelle SL con 1,21 millóns.

A téxtil Caramelo continúa máis un ano na listaxe, desta volta con 2,16 millóns de euros e a sociedade Volvoreta, propiedade da deseñadora galega Kina Fernández, con 1,69 millóns de euros; Confeccións Deus SL adebeda 3,31 millóns e Deus Creacións SL uns 2,19 millóns.

Quen fora presidente de Banesto, Mario Conde, ten unha débeda con Facenda de 12,37 millóns de euros.

O Club Deportivo Ourense  SAD saíu este ano da lista de morosos da Axencia Tributaria, apços verse na obriga de desaparecer a finais de 2018 debido ás débedas que arrastraba pola compra de futbolistas.

O ano 2019 comezaba coa publicación no BOE do acordo de extinción de Petro Nova Oil. A xustiza certificaba así a defunción da empresa galega que máis debía a Facenda: 82 millóns de euros. Por riba, estaba implicada nunha macrofraude relacionada co gasóleo.

Comentarios