A que hora será máis barata a electricidade? Consulta aquí o custo da luz desta xornada

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista subirá esta segunda feira até os 7,95 euros por megawatt hora (euros/MWh).
Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista subirá esta segunda feira até os 7,95 euros por megawatt hora (euros/MWh), segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE), co que o custo da luz continuará por undécimo día consecutivo por baixo dos 10 euros/MWh.

Porén, este prezo non se traslada logo ao recibo exactamente, xa que existen uns custos fixos para o consumidor eléctrico, por peaxes, cargos e axustes do sistema. O importante descenso desde o 22 de febreiro no mercado almacenista da electricidade débese aos fortes refachos de vento, así como á caída da demanda coa chegada da fin de semana con respecto aos días laborables.

A poxa non representa exactamente o importe final no prezo da luz para un consumidor acollido á tarifa regulada, xa que coa entrada en 2024 adoptouse novo método de cálculo que incorpora un cesto de prezos a medio e longo prazo para evitar as fortes oscilacións, sen perder as referencias de prezos a curto prazo que fomentan o aforro e o consumo eficiente.

En concreto, a proporción de vinculación co prezo da poxa irase reducindo progresivamente, para incorporar as referencias dos mercados de futuros, de modo que estes representen 25% en 2024, 40% en 2025 e 55% a partir de 2026.

Prezo por horas

O prezo máis caro da electricidade esta segunda feira rexistrouse entre as 8 e as 9 horas, con 25 euros por megawatt á hora (euros/MWh), un custo que se repetirá entre as 20 e as 21 horas. Por contra, o horario máis barato será de 15 a 16 horas, con 1 euro/MWh.

O custo comezará a baixar a medida que vaia pasando o día até alcanzar o seu mínimo ás 15 horas. Así, entre as 11 e as 16 horas permanecerá por baixo dos 3,2 euros/MWh de forma ininterrompida.

A partir dese momento volverá ascender aos poucos (alcanzará os cinco euros por MW/h entre as 18 e as 19 horas), pegando unha forte suba entre as 19 e as 20 horas, cando alcanzará os 14 euros/MWh, xusto antes de alcanzar o máximo entre as 20 e as 21 horas (25 euros/MWh). De 21 a 22 horas o prezo será de 17,98 euros/MWh, descendendo a 12,5 na seguinte hora, mentres que a xornada fechará cun custo de 6,1 euros/MWh.

Comentarios