Por que as hipotecas variábeis rexistrarán a menor repunta en case dous anos?

O Euribor fechará o mes de febreiro cun lixeiro incremento até o 3,666%.
Sinatura dunha hipoteca (Foto: Eduardo Parra /  Europa Press).
photo_camera Sinatura dunha hipoteca (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Euribor, o índice de referencia para a maioría das hipotecas variábeis na Galiza, encamíñase a fechar febreiro situado en 3,666%, o que supón unha nova repunta respecto á taxa de 3,609% do mes de xaneiro e unha alza en comparación coa de 3,534% observada un ano antes. 

Deste modo, as debedoras que teñan que revisar a súa hipoteca tomando como referencia o dato de febreiro experimentarán o menor encarecemento en case dous anos, xa que o diferencial respecto a febreiro de 2023 é apenas de 0,132 décimas porcentuais. En xaneiro, este diferencial era de 0,272 décimas.

Durante o segundo semestre de 2022 e o primeiro de 2023, co cambio de política monetaria do Banco Central Europeo (BCE), produciuse unha alza moi rápida do Euribor, rexistrando subas interanuais que chegaron a superar os 3,8 puntos porcentuais.

Neste sentido, aínda que a taxa de referencia avanzará levemente en febreiro fronte a xaneiro, aínda se sitúa por baixo dos máximos de 4,15% rexistrados durante o verán do ano pasado.

O dato de febreiro implica que para unha hipoteca modelo a tipo variábel -cun capital pendente de pago de 150.000 euros, un prazo residual de 30 anos e un diferencial de 0,99% máis Euribor- o encarecemento da cota sería duns 12 euros ao mes. 

Sen prazos para unha baixada dos tipos de xuro

Porén, esta suba supón non só manter, senón incrementar, as xa altas alzas nas cotas que moitas debedoras experimentaron nas revisións anteriores. A pesar das dificultades que provoca a política monetaria do BCE, o vicepresidente da institución, Luis de Guindos, sinalou que non hai prazos para unha baixada dos tipos de xuro. "Nós dependemos dos datos, non dependemos das datas", aseverou esta cuarta feira ao respecto o representante do BCE.

Comentarios