Os principais bancos españois aumentan a 226.000 millóns de euros a súa carteira de créditos problemáticos

BBVA, Santander, Bankinter, Sabadell e CaixaBank aumentan en 4% os créditos en vixilancia especial en 2021.
Sede do banco BBVA en Madrid (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).
photo_camera Sede do banco BBVA en Madrid (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).

Os cinco principais bancos do Estado español por volume de negocio —Santander, BBVA, CaixaBank, Bankinter e Sabadell— aumentaron 4% a súa carteira de créditos problemáticos o pasado ano, incluíndo aqueles en vixilancia especial, mais sen incorrer en falta de pagamentos, e os dubidosos, tamén clasificados como 'stage 2' e 'stage 3'.

Segundo cadanseus informes financeiros, o incremento débese sobre todo á repunta rexistrada nos créditos en vixilancia especial, arredor de 5,5% en 2021, até os 156.890 millóns de euros.

Porén, os créditos clasificados como dubidosos —ou 'stage 3'— aumentaron 0,6%, até os 69.319 millóns de euros. En total, os préstamos problemáticos alcanzaron un volume de 226.200 millóns de euros, 4% máis que en 2020, cando estes créditos sumaban 217.613 millóns de euros.

Provisións para insolvencias

No seu informe, Santander sinala que ao remate do exercicio de 2021 tiña un fondo para insolvencias de 23.698 millóns de euros, 4% menos en euros constantes que en 2020, que representa unha cobertura total de activos deteriorados de 71,3%, cinco puntos básicos menos que en 2020.

En BBVA tiñan fondos de cobertura por valor de 11.536 millóns de euros, 8,4% menos que á fin de 2020. A entidade explica que este descenso de debe "á xestión realizada do saldo dubidoso durante o ano unido a un incremento dos falidos". A taxa de cobertura da entidade fechou en 75%.

Os fondos para insolvencias de CaixaBank situábanse ao 31 de decembro de 2021 en 8.625 millóns de euros, incluíndo os saldos integrados de Bankia. Se se exclúen estes saldos, os fondos situaríanse en 5.006 millóns de euros, fronte aos 5.755 millóns que a entidade de orixe catalá rexistrou a feche de 2020. Desta forma, a taxa de cobertura era de 63% en 2021, fronte ao 67% de 2020.

Sabadell, pola súa parte, tiña un fondo para insolvencias e risco país de 2.816 millóns de euros, 9,3% menos que ao remate de 2020, e unha taxa de cobertura de activos problemáticos de 53,1%. Con todo, este banco considera como "problemáticos" un volume de 6.203 millóns de euros de créditos 'stage 3', ou dubidosos, e 1.362 millóns de euros de activos adxudicados.

Por último, Bankinter sumaba unhas provisións de 872,6 millóns de euros para cubrir os riscos dos seus créditos problemáticos,  8% máis que en 2020. Fechou o ano cunha ratio de cobertura de 63,56%.

Comentarios