O prezo medio da gasolina suma once semanas á alza

O prezo da electricidade manterase "baixo " durante "un tempo".
Estación de servizo durante a pasada Semana Santa. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Estación de servizo durante a pasada Semana Santa. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O prezo medio da gasolina escalou até un novo máximo anual despois de encarecer por undécima vez consecutiva durante a última semana, mentres que o diésel proseguiu a tendencia de subidas que iniciou a pasada semana. 

En concreto, o prezo medio do litro de gasolina sitúase xa nos 1,645 euros, o seu nivel máis alto desde comezos de novembro, tras subir un 0,61% con respecto a hai unha semana, segundo os últimos datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea. Mentres, o prezo medio do litro de diésel é de 1,541 euros, tras encarecer un 0,064% despois de dúas subidas consecutivas que cortou unha racha de tres semanas á baixa. 

O prezo medio dos carburantes iniciou 2024 rexistrando as súas primeiras subidas en tres meses, despois de acumular un descenso tras outro desde finais de setembro que o levou a despedir o ano pasado instalado en niveis mínimos do exercicio tras sumar un abaratamento de case o 15% no caso da gasolina, e de máis do 13% para o diésel.

O prezo da electricidade mantense baixo

A vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra de Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico, Teresa Ribera, afirmou que os prezos da electricidade seguirán sendo baixos durante un tempo –sen especificar un período–, con "episodios puntuais" de prezos negativos, como aconteceu a pasada segunda feira. Ribera atribuíu esta situación de prezos baixos da electricidade ás enerxías renovábeis, cuxos custos operativos son menores. 

"Isto explica por que ese peso crecente das enerxías renovábeis no noso mix, algo que era imposíbel imaxinar hai non tanto tempo e que alcanza o 65% ou o 66% de toda a electricidade que consumimos nestes últimos días, ofrece prezos tan baixos, desprazando outras tecnoloxías tradicionais do noso sistema", apuntou a ministra. 

Comentarios