O prezo do marisco e do peixe chega a duplicarse polo veto á frota e o temporal

Pescadores de Ribadeo descargan peixe e marisco a porto, nunha semana que estivo marcada polo Nadal e polo forte temporal (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A prohibición de Bruxelas fai caer 18% o peixe poxado na lonxa de Vigo

O veto á pesca de fondo e o temporal vivido na Galiza nos últimos días están a provocar un encarecemento do peixe nas lonxas, chegando mesmo a duplicar o seu valor debido á escaseza de produto en certas zonas.

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, que foi esta sexta feira reelixido por catro ano á fronte da entidade, explicou que os prezos subiron "moitísimo" porque os barcos non puideron saír a pescar a causa do temporal.

Isto provocou unha situación de escaseza de produto en lonxas como a de Ribeira, onde o propio Pérez Sieira é patrón maior, na cal os prezos dalgunhas especies case se duplicaron en comparación coas xornadas anteriores.

"Contabamos con esta semana para gañar diñeiro e traballar, xa que normalmente os prezos soben. Mais o temporal impedíunolo. Non hai produto e claro, aumenta o custo do peixe", lamentou, indicando que os mariñeiros non se están beneficiando da suba do custo.
Ademais, Pérez Sieira subliñou que o veto á pesca en 87 caladoiros do Atlántico imposta por Bruxelas tamén está a empuxar á alza o prezo de determinadas especies como o ollomol, a pescada ou a castañeta encarnada.

Caída da oferta polo veto

Na mesma liña falou o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, que apuntou que entre outubro e novembro, desde a posta en marcha da devandita prohibición, rexistrouse unha caída de 18% do peixe poxado na lonxa da cidade olívica, cunhas 1.100 toneladas menos de produto descargado.
O representante de ARVI subliñou que esta lexislación motivou un aumento do prezo do peixe de 14%, xa que hai menos oferta no mercado. Con todo, insistiu en que esta suba foi inferior á que sería necesaria para que as empresas mantivesen as súas marxes de beneficio.

Touza reivindicou que o peixe é a proteína que menos incrementou o seu prezo nos últimos meses, en comparación coa carne de vacún ou o polo, entre outras. Ademais, indicou que as empresas están a soportar uns custos moito máis altos que non trasladan ao prezo dos produtos para que estes sigan sendo accesíbeis para as persoas usuarias.

"Se temos en conta outros alimentos como o leite ou o azucre, o peixe é o que menos subiu. E dentro das proteínas tamén", insistiu o presidente de ARVI, que lembra que os armadores están a pagar de media 66% máis que o ano anterior polo gasóleo dos seus barcos, a pesar da subvención de 20 céntimos por litro que achega o Executivo estatal.
"A suba de prezos non nos compensa a baixada da produción e o aumento dos custos de explotación", engadiu Touza, destacando o "esforzo extra" que fan as compañías para non repercutir ás persoas usuarias este incremento do gasto.

Touza lembrou que o sector continúa premendo para que o Goberno español estabeleza unha redución do IVE dos produtos do mar a 4%, desde o actual 10%. O presidente de ARVi tamén lembrou a importancia de que as Administracións teñan claro que o sector "é a solución e non o problema", xa que é necesario abastecer á poboación de alimentos e de proteínas sas, que contaminen pouco. 

A liberación de auga das hidroeléctricas fai perigar o bivalvo

O temporal tamén ten outro tipo de influencia sobre os produtos pesqueiros, neste caso sobre os moluscos bivalvos, pois xera unha diminución da salinidade nas rías. Un proceso que se ve agravado polas soltas de auga nas presas hidroeléctricas. Segundo explica a Nós Diario Liliana Solís, bióloga da Confraría San Bartolomeu de Noia, desde a apertura das comportas da central do Tambre o día 20 "a salinidade baixou abruptamente e desde entón non supera a taxa de 15 por 1.000, cando os valores óptimos están por riba de 20".

"Se a situación se segue prolongando vaise producir unha mortaldade importante de marisco, sobre todo de berberecho e de ameixa xaponesa, pois están na zona máis próxima ao río", explica Solís. "Incluso na zona máis próxima ao mar hai baixa salinidade, polo que a babosa tamén corre perigo", alerta.