Denuncian no Parlamento "favoritismo" da Xunta coa empresa Greenalia

A entrada da ex conselleira de Medio Ambiente da Xunta, Beatriz Mato, en Greenalia chegou ao Parlamento. O BNG afirma, nunha pregunta en  comisión, que hai toda unha "trama" para favorecer os intereses desta empresa enerxética que aínda continúa con novas decisións por parte do Goberno galego. 
Beatriz Mato, actual directora de desenvolvemento corporativo e sostibilidade de Greenalia (Europa Press)
photo_camera Beatriz Mato, actual directora de desenvolvemento corporativo e sostibilidade de Greenalia, na sinatura dun acordo. (Foto: Europa Press)

O polémico desembarco da ex conselleira Beatriz Mato na empresa enerxética Greenalia chegou ao Parlamento galego a través dunha pregunta do BNG na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.

O deputado nacionalista Luis Bará asegurou na súa intervención que "algo cheira a podre en Teixeiro, en Greenalia e agora tamén en San Caetano" polas supostas "decisións relevantes e determinantes para a tramitación e aprobación de proxectos da empresa Greenalia tanto na súa división de biomasa para usos enerxéticos" no período en que Mato era responsábel de Medio Ambiente no Goberno galego

Para responder sobre esta acusación por parte da Xunta, contestou o director xeral de Función Pública, José María Barreiro, quen asegurou que a entrada de Beatriz Mato cumpriu todas as normas de transparencia. Bará botou en falta na súa réplica que "as resolucións de incompatibilidade deben ser publicadas no Portal de Transparencia e eu non as atopei", polo que desconfía que haxa unha trama de relacións entre algunhas empresas e a Xunta da Galiza "de trato de favor e tamén de devolución de favores". 

Lea entre Greenalia e o conselleiro de Industria

Na súa intervención, o deputado nacionalista relatou tamén "un episodio nos edificios administrativos de San Caetano en Compostela "entre o propietario de Greenalia e o conselleiro de Industria" no que, segundo Bará, "se resolveu dando vía libre a eses proxectos e colocando a conselleira en Greenalia". 

Desde o BNG van máis alá e aseguran que "estes días hai novas decisións da Xunta que favorecen os intereses desta empresa". Na suposta trama entraría "unha subordinada de Beatriz Mato, como foi a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, cesada pola súa incompetencia", ademais doutras "persoas testaferras que facían o traballo sucio para que outras persoas de 'máis arriba' non mancharan as mans".

Denuncias de colectivos ecoloxistas galegos

As actuacións de Beatriz Mato xa chamaran a atención do BNG e de grupos ecoloxistas desde hai meses. En febreiro deste ano a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denunciaba nun comunicado que a ex conselleira, durante o seu paso pola Xunta, "lexislou a favor dos intereses empresariais".

En concreto apuntaban á autorización durante a súa etapa como conselleira de Medio Ambiente e até 2019 de 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, ademais de conceder 795,000 euros en subvencións e 1.000.000 euros en préstamos ás empresas do grupo. 

Todas estas actuacións saíron adiante cando se confirmou que "algúns dos parques autorizados, como o caso do parque eólico Campelo, a carón da lagoa de Alcaián en Coristanco e Santa Comba, amosan graves afeccións ambientais".

Greenalia aproveitará a lexislación para aumentar potencia eólica na Galiza

Greenalia aposta pola enerxía eólica flotante mariña. Na actualidade desenvolve proxectos en Canarias, mais pensa aumentar a súa presenza na costa galega. "Estamos a estudar onde pode haber potencia e, ambientalmente, pode funcionar a eólica mariña na Galiza", afirmou Manuel García, CEO desta empresa, durante unha mesa redonda online organizada polo Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos do Estado español a través do seu grupo de traballo de Enerxías Renovábeis de Orixe Mariña.

García admitiu a experiencia en "tramitación en proxectos con normativa xa desenvolvida como a biomasa ou fotovoltaica" e confía en "aproveitar a regulación actual" e non agardar "ás grandes poxas en eólica mariña" para "non perder os fondos da Unión Europea" e "ser líderes".

Comentarios