O Porto de Marín pedirá a adhesión dos terreos de Lourizán "con ou sen Ence"

O presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, asegura que son estratéxicos para a loxística do porto.
Factoría de Ence na ría de Pontevedra, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Factoría de Ence na ría de Pontevedra nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, confirmou que pedirán a adscrición dos terreos de Lourizán, "con ou sen Ence" e incluíndo os de Elnosa, como Zona de Actividade Loxística (ZAL) do porto de Marín.

Nun encontro coa presidenta comité de oficinas centrais de Ence, Ana Cedeira; o presidente da Asociación Sociedade para o Emprego Forestal, Rural e Industria da Celulosa (Seforcel), José Antonio Taboada; o representante das empresas auxiliares de Ence, Óscar Fontecoba, e o delegado de Comisións Obreiras no comité da pasteira, Antonio  Guimaráns, avanzoulles que levará este asunto á reunión do consello de administración do vindeiro 25 de novembro.

Se finalmente Ence abandona este espazo ─a súa concesión foi anulada pola Audiencia Nacional─ "eses terreos estarán a disposición para o tema loxístico", sinalou o presidente da Autoridade Portuaria. "En calquera situación que veña, a nós vainos a favorecer", engadiu.

Suárez Costa, marido de Ana Pastor e amigo do ex presidente Mariano Raxoi, que foi quen concedeu Ence a prórroga da concesión declarada ilegal pola Xustiza, insistiu en que eses terreos están localizados nunha "zona estratéxica". A modo de exemplo, referiuse a que "moitas veces" teñen "moitas dificultades de almacenamento de pezas de gran volume" e esa zona "serviría" como anexos para iso, en lugar de ocupar un espazo que "non permite desenvolver outras actividades". "Despois xa se verá o que ocorre con Ence pero, en principio, nós o que queremos son eses terreos", insistiu.

O Porto de Marín argumenta que ten dificultades para almacenar pezas de gran volume

Decisión do Estado 

O proceso "longo, pero non complexo" que pretende iniciar a Autoridade Portuaria está en mans do Goberno estatal, que xa se mostrou contrario a esta vía.

O expediente de solicitude do Porto de Marín ten que ir acompañado de tres informes vinculantes, e por tanto decisivos, de Portos do Estado, o Ministerio de Defensa e de Costas (Ministerio de Transición Ecolóxica), tres órganos dependentes do Executivo estatal.

A adscrición ao porto de Marín dos terreos que ocupa actualmente a pasteira deixarían de estar baixo o amparo da Lei de Costas para pasar á de Portos e Mariña Mercante, o que abriría a porta á súa continuidade.

Comentarios