venres 03/12/21

A Xunta carece de plan industrial para As Pontes malia a clausura da central

Endesa consuma a súa decisión de fechar a térmica das Pontes, anunciada en decembro de 2019. Desde entón, nin a Xunta nin o Goberno español trazaron ningún plan industrial alternativo para o concello nin para a comarca, pese a ser un dos requirimentos que pon Bruxelas para optar ás axudas do Fondo de Transición.
Central térmica das Pontes (Foto: Endesa)
Central térmica das Pontes (Foto: Endesa)

Endesa anunciaba a pasada terza feira a súa decisión de seguir adiante co plan de fechamento da central térmica das Pontes após certificar que o uso de biocombustíbeis para a produción de enerxía non era viábel, un argumento do que dubidan tanto o persoal da factoría como o Executivo galego.

Precisamente, tras coñecerse a noticia, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, acusaba a empresa de apoiar esta decisión en "resultados curtopracistas" ao tempo que esixía unha "rectificación" da súa postura.

Segundo o vicepresidente económico da Xunta, que reprochou a "actitude inaceptábel" de Endesa ao "deixar de lado" o criterio do comité técnico e "faltar ao principio de confianza", a decisión da eléctrica baséase nun "informe de parte", cuxos resultados contrastan coa "tendencia positiva" que marcaban os informes previos "desde o punto de vista técnico e ambiental".    

O que non ten en conta o titular de Economía da Xunta nesta ecuación é que os argumentos esgrimidos por Endesa son fundamentalmente de índole económica, pois a empresa recoñecía que os técnicos eran salvábeis, mais por conta dun forte investimento.

Ademais do aumento das emisións, da xeración de cinzas, da perda de potencia nos ciclos, os danos por corrosión ou a imposibilidade de operar no mercado secundario, Endesa argumenta que a aposta polos biocombustíbeis situaría o prezo do megavatio hora (MWh) 30% por riba do producido nunha central de ciclo combinado de gas. A isto habería que sumar os investimentos necesarios para operar con seguridade, que, segundo a eléctrica, suporían unha destrución de caixa estimada de 625 millóns de euros en dez anos.

Data de fin marcada

Deste modo, Endesa decide seguir adiante co fechamento formal das instalacións de xeración térmica das Pontes (mantén o ciclo combinado) solicitado en decembro de 2019, anticipándose así á obriga de Bruxelas, que fixaba a súa data límite de operación no ano 2030. Esa foi a data marcada un ano antes polo comisario europeo Miguel Arias Cañete (PP) como prazo para culminar a transición enerxética do carbón a outras fontes de xeración máis limpas, pero "a profunda modificación das condicións de mercado" co prezo dos dereitos de CO2 disparados, e "a clara ausencia de perspectivas de mellora no futuro" levaron a Endesa a adiantar esa decisión.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O fechamento, non por falta de ser anunciado, sitúa a comarca nunha situación complexa. Malia que Bruxelas incluíu As Pontes e Meirama (Cerceda) nos territorios beneficiarios do Fondo de Transición Xusta da UE, que no caso do Estado español suporá unha achega comunitaria de algo máis de 300 millóns de euros, a Xunta carece dun plan industrial para estes territorios, que é un dos requisitos que esixe a Comisión Europea antes de conceder o financiamento.

As propostas a financiar deberán centrarse na creación de novas empresas, o despregamento de tecnoloxías e infraestruturas de enerxía limpa, eficiencia enerxética e en investigación e innovación.

Recomenda tamén investir en pemes e na descontaminación da contorna, mentres que para paliar os efectos sobre o emprego aconsella destinar fondos á recualificación dos traballadores e traballadoras e a proporcionar apoio para a procura de traballo e a inclusión das persoas desempregadas.

Mesa das Pontes

A quen non colleu por sorpresa a decisión foi ao alcalde das Pontes, o socialista Valentín González Formoso, que onte recoñeceu que Endesa "xa deixaba entrever que non cría nas probas", que se levaron a cabo pola "presión social" da Xunta, do Ministerio de Transición Ecolóxica e do propio Concello.

González Formoso, quen apuntou que o informe da eléctrica está "cheo de falsidades e excesos", dixo respectar a decisión da empresa privada pero pediulle que o faga "sen enganar a sociedade á que lle debe tanto"

O BNG, a través do deputado Néstor Rego, dirixiuse ao Goberno español para que convoque unha reunión da mesa de traballo de Endesa, que leva seis meses sen reunirse, para que aclare canto antes a situación na que se atopa a central e os plans de futuro. Antón Gómez Reino, de Unidas Podemos, exixiu "transparencia" á empresa.

Todas as partes critican a empresa por non ter esperado a contar cunha solución consensuada que garanta o futuro industrial da planta, faltando ao compromiso adoptado cos sindicatos, cos traballadores, e coas distintas administracións públicas para dar a coñecer o informe e a decisión de fechamento.

A Xunta carece de plan industrial para As Pontes malia a clausura da central
comentarios