Comercio, transporte e hostalaría lideran a creación de emprego

O IGE achega os datos económicos referidos ao segundo trimestre do ano, no que o PIB galego medrou 4,4% en comparación co ano anterior.
As cafetarías compostelás rexistran o cheo absoluto por mor do turismo. (Foto: Arxina)
photo_camera As cafetarías compostelás rexistran o cheo absoluto por mor do turismo. (Foto: Arxina)

O produto interior bruto (PIB) galego creceu no segundo trimestre do ano 4,4% en relación co mesmo período do ano anterior, segundo os datos achegados nesta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

As contas económicas trimestrais da Galiza recollen tamén unha evolución positiva en variación trimestral, isto é, a respecto do primeiro trimestre, cunha alza de 1,1%.

Desde o punto de vista da demanda, neste segundo trimestre o gasto en consumo final dos fogares e as institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares incrementouse no último ano 1,8%. E as exportacións de bens e servizos anotaron un aumento anual de 7,3%.

Comercio, transporte e hostalaría lideran a repunta do sector servizos

A respecto da oferta, en termos anuais, os servizos subiron 6,5%, cunha maior repunta no apartado de comercio, transporte e hostalaría (+19,7%), e a industria manufactureira, 4,7%.

25.000 novos empregos

Os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, medrou no segundo trimestre 2,5%, o que supón un incremento de 25.562 postos a respecto do mesmo trimestre do ano anterior.

Por ramas de actividade, o emprego creceu un 3,1% no sector da construción, un 2,9% no sector servizos —cun incremento de 5,1% no comercio, transporte e hostalería— e un 1,9% na industria.

Comentarios