O turismo resiste fronte á nova onda da Covid e deixará bos datos de ocupación na ponte

O sector destaca que non hai cancelacións malia o empeoramento da pandemia e garante que é "seguro" para que as visitas poidan chegar a Galiza durante a ponte. A media de habitacións ocupadas nos hoteis está entre o 80 e o 85%, mentres é algo máis baixa no turismo rural.
Turistas co alcalde de Vigo visitando o alumeado de Nadal. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Turistas co alcalde de Vigo visitando o alumeado de Nadal. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O sector turístico galego reivindícase como "seguro" e a confianza das e dos viaxeiros estalle a dar a razón. Malia a entrada na sexta onda da pandemia, o empresariado estima que a ponte de decembro deixará bos datos e as expectativas son altas após outros festivos deste outono que xa resultaron satisfactorios.

O Clúster de Turismo da Galiza calcula que as casas rurais estarán entre o 60 e o 65% de ocupación, mentres que nos hoteis agardan "entre o 80 e 85%" porque, di, non se están a rexistrar grandes fluxos de cancelacións debido ao empeoramento da epidemia.

"O medo sempre o vai a haber, e haberá cancelacións, pero están a ser mínimas e, de producirse, daranse por algo distinto á Covid. Produciranse por outro tipo de cousas, que se produciron sempre, como por razóns climatolóxicas; pero non pola Covid", afirma o presidente da agrupación, Cesáreo Pardal.

No entanto, para garantir o menor risco posíbel pide ás viaxeiras que cumpran as medidas sanitarias, como pode ser o uso da máscara, pois non convén relaxarse nestes momentos.

Isto no que respecta ás e aos turistas, porque as empresas defenden que Galiza demostrou que é un "destino seguro", tanto polas pautas de seguridade dos propios estabelecementos como pola atención sanitaria.

Hai outro factor que o sector ve chave para que as expectativas da ponte sexan altas: a finalización o próximo 15 de decembro do prazo para consumir o diñeiro que resta por gastar do bono turístico da Xunta.

A Ribeira Sacra e Vigo, as zonas máis atractivas

Por zonas, confíase no poder de atracción da Ribeira Sacra e tamén da campaña publicitaria do alumeado de nadal de Vigo, cidade que "abeirará o cheo" nas prazas hoteleiras.

Así o apunta o presidente da Federación de Hostalería de Pontevedra, César Ballesteros, que subliña as "moi altas expectativas" que existen na cidade ante estas datas.

"Moi posiblemente chegamos ao 100 por 100 de ocupación. Pode haber algunha habitación na cidade pero a maioría dos hoteis imos estar cheos", destaca Ballesteros, propietario do Hotel Baía, que recoñece a existencia dun antes e un despois para o sector da cidade desde a aposta pola iluminación.

Comentarios