BNG e PSdeG criticaron a "falta de medidas"

A receita de Rueda para atallar a crise dos prezos: un bono comercio de 30 euros

O Parlamento galego acolleu esta cuarta feira a primeira sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, após o inicio do curso político. BNG e PSdeG centraron as preguntas ao dirixente galego na situación económica e social do país, co foco posto nos sistemas educativo e sanitario da Galiza.
 
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, no Parlamento. (Foto: David Cabezón)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)

Chegaba o presidente da Xunta ao Parlamento galego coa tarefa de defender a xestión do seu Goberno, na que foi a primeira sesión de control da oposición no comezo do curso político.

Após a primeira xornada do pleno, que decorreu esta terza feira e que estivo centrada na crise económica e na situación educativa na Galiza, hoxe foi a quenda de que a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, e o portavoz parlamentario do Partido Socialista da Galiza (PSdG), Luís Álvarez, preguntasen a Rueda pola súa xestión durante os primeiros meses de mandato.

A orde do día outorgou a primeira intervención ao portavoz socialista, que quixo centrar a súa pregunta ao presidente galego no comezo do curso escolar. Álvarez comezou a súa alocución facendo referencia á comparecencia no Parlamento  do conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, na que defendeu que as acusacións de recortes por parte de sindicatos de ensino e oposición son "total e absolutamente falsas".

Para o deputado socialista, a intervención de Rodríguez "non foi nin sintética nin crítica, foi autocompracente". Ao tempo, criticou que o responsábel de Educación definise como "caótico" o comezo do curso escolar. Neste sentido, Álvarez preguntou a Rueda cal era a súa valoración do inicio das clases no país.

Resposta de Rueda

En resposta, o presidente da Xunta acusou o PSdeG de buscar titulares sensacionalistas e de exercer o "tremendismo", ao tempo que insistiu na idea de que o comezo do curso escolar está a ser incerto. O dirixente do Partido Popular (PP) tamén aproveitou a súa quenda para defender "as medidas postas en marcha polo Goberno galego", e destacou os investimentos do seu Executivo e o "baixo" nivel de abandono escolar na Galiza, "inferior ao do conxunto do Estado español".

"Xa en 2009 ese nivel era 4 puntos inferior ao da media estatal", contrapuxo o portavoz parlamentario do PSdeG, quen asegurou que "nin a educación na Galiza é Mordor, como asegurou o conselleiro [Román Rodríguez] en anteriores intervencións, nin tampouco somos os mellores". 

Inflación e sanidade

A continuación foi a quenda da portavoz nacional do BNG, que sinalou que a sociedade galega sufriu durante o verán a suba xeneralizada de prezos e a situación do sistema sanitario galego público, con especial énfase na Atención Primaria

Sobre a crise inflacionaria que afecta o país, Pontón lembrou o dato do incremento de 11% do IPC no mes de agosto, publicado antonte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), ao tempo que criticou que o Executivo de Alfonso Rueda non adoptase "medidas de impacto para facer fronte ao encarecemento xeneralizado de produtos básicos como alimentos, vivenda e combustíbeis.

"Como non van estar en contra de abaratar a luz, se traballan para as eléctricas", salientou Pontón, para despois engadir que a Xunta non defende a Galiza pois "está presa" das estratexias políticas ditadas polo PP a nivel estatal. 

Ante a pregunta da dirixente nacionalista de que medidas tiña pensado adoptar o Goberno galego para intentar atallar os problemas do país, Rueda optou por atacar o BNG e a súa portavoz nacional, acusando a formación política de "levar 40 anos de vida con discursos negativos e catastrofistas", e a Pontón de "viaxar a Chile en agosto de vacacións" mentres a Xunta "traballaba polo país".

"Deixe de atacar a portavoz nacional do BNG, e comece a traballar polos galegos e galegas", respondeu Pontón ante os murmurios da bancada dos deputados do Partido Popular.

Subvencións do Xacobeo

A dirixente nacionalista criticou na súa réplica o uso de subvencións do Xacobeo por parte do Executivo galego para "repartir entradas gratuítas de concertos entre cargos do PP". Pontón referiuse ao concerto do cantante madrileño C Tangana, que tivo lugar en Vigo o pasado 23 de agosto e no que varios centenares de cargos do Partido Popular accederon con entradas financiadas pola Xunta, entre eles o presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, e o presidente de Andalucía, Juan Moreno Bonilla.

"Pasa vostede tanto tempo de viaxe no coche oficial que desconectou da realidade", asegurou Pontón, ao tempo que denunciou o "despilfarro" de 2,5 millóns de euros que a Xunta da Galiza destinou ao concerto de Muse, tamén realizado en Vigo, a través dos patrocinios do Xacobeo.

Pontón tamén afeou que Rueda manifestase descoñecer o motivo de que a Administración galega gastase eses 2,5 millóns de euros na actuación musical, coa escusa de que non se ocupa "especificamente diso". A este respecto, a portavoz nacionalista criticou que o presidente galego falase desa maneira dos fondos achegados polos galegos e galegas cos seus impostos. "Se fosen os seus recursos, estaría vostede máis preocupado", engadiu.

Debate do estado da nación galega

Por último, Pontón demandou que o Goberno galego convocase canto antes un Debate do estado da nación galega para coñecer cal é a "situacion real do país.

Rueda non respondeu a esta cuestión, e aproveitou a súa intervención final para adiantar que o Consello da Xunta de hoxe aprobará unha nova convocatoria do Bono Activa Comercio para negocios locais.

Comentarios