O cadro de persoal da metalurxia Semar, en Ames, denuncia acoso laboral e meses sen cobrar

Un Ere suspensorio que remata a finais deste mes está a ser a baza para presionar a prol das baixas voluntarias. Os salarios non se pagan, a carga de traballo desvíase a outra factoría en Padrón da mesma propiedade e unha listaxe cos nomes e a afiliación sindical de cada empregad@ elaborada polo propio empresario circula xa polas empresas do sector
photo_camera Concentración do cadro de persoal en Bertamiráns. Imaxe: CIG

Traballador@s da metalurxia Semar, afincada en Ames, realizaron unha concentración para reclamar da empresa os salarios adebedados e garantías de continuidade. Denunciaron que o persoal afectado polo Ere de suspensión "está a ser substituído por autonónomos" e o emprego "desvíase a outra factoría" que o propietario de Semar xestiona en Padrón "a través dun testaferro".

Alén desta situación, @s obreir@s din estar sometidas a acoso laboral por parte do empresario, causa de "varias" baixas por depresión e da denuncia interposta por un delegado sindical da CIG após de atopar o seu carro pintado mentres o tiña aparcado diante do cuartel da Garda Civil en Negreira. As imaxes do edificio captaron o momento dos feitos, e nelas identifícase con claridade o autor: o propio empresario.

Así as cousas, Semar tratou de aplicar un Ere extintivo sobre o seu cadro de persoal, composto por 22 persoas. Alegou causas económicas e foi refutado pola autoridade laboral. En xaneiro foille aprobado o expediente suspensivo, cando a empresa xa debía os soldos de dous meses e unha paga extra. O Ere --que afecta a 10 persoas-- remata o 30 deste mes, e tod@s @s operari@s están pendentes de cobraren o soldo dun mes, unha paga extra e todas as horas extra. Hai dúas persoas que levan catro meses sen cobrar, e o resto do cadro, que non está afectado polo Ere, non percibiron salario algún tampouco nos últimos tres meses.

A carga de traballo segue a ser a mesma, mais esta derívase a autónom@s e a Sistemas Especiales Metálicos para Arquitectura S.L., en Padrón, propiedade do dono de Semar. Segundo o secretario comarcal de CIG-Metal en Compostela, Benedicto Blanco, o obxectivo deste empresario é "descapitalizar" a factoría de Bertamiráns, convertendo o Ere suspensivo en extintivo para mudar un cadro de persoal fixo por outro integrado por traballador@s autónom@s, cuxos custos serían menores. "Está a presionar para que presenten a baixa voluntaria, para cobrar do Fogasa --Fondo de Garantía Salarial-- e comezar de cero cunha nova empresa", alertou Blanco.

Para alén de lle facer pintadas no carro ao operario Roberto González, delegado sindical --o custo do arranxo ascende a 2.700€--, o empresario elaborou unha 'lista negra' que está a distribuír entre as firmas do sector na que figuran os nomes d@s obreir@s, o seu documento de identidade e a súa vinculación sindical a carón de anotacións do tipo 'perigoso', 'altamente perigoso' ou 'suave e altamente perigoso'. Benedicto Blanco dixo ter constancia de que a listaxe chegara, "cando menos", até Boiro.

Comentarios