sábado 11.07.2020
Economía

Navantia perde un contrato para construír 10 fragatas para os EUA

A empresa pública naval participou nun concurso para a Armada dos Estados Unidos de América que finalmente recaeu nunha compañía italiana. O contrato garantía a construción de dez fragatas e un barco base nun momento no que Navantia conta con pouca carga de traballo.
Recreación virtual da fragata (Armada dos EUA).
Recreación virtual da fragata (Armada dos EUA).

Os Estados Unidos de América dan as costas á empresa naval pública Navantia e seleccionan o proxecto da italiana Fincantieri para a construción de até dez fragatas a través do proxecto FFG(X), un contrato no que a compañía da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) depositara moitas esperanzas debido á falla de carga de traballo

A Armada americana deu a coñecer esta quinta feira ao gañador do concurso a través dun comunicado, no que detalla que opta polo modelo italiano. En concreto, a oferta gañadora foi a da Marinette Marine Corporation, unha empresa con sede no estado norteamericano de Wisconsin e que pertence a Fincantieiri desde 2009.

O contrato contempla a construción de até dez fragatas para a US Navy nunha primeira fase, ademais dun barco base. Os buques están pensados para poder actuar en todo tipo de situacións bélicas e, tal e como apunta a Armada dos EUA poden "realizar operacións de guerra aérea, guerra antisubmarina, guerra de superficie, guerra electrónica e información".

A este concurso, que se remonta ao 2017, Navantia presentouse en unión á empresa estadounidense General Dynamics, onde o sistema AEGIS, de orixe norteamericana, era unha dos avais para conseguir este contrato. A empresa pública dotou deste sistema aos buques construídos nos últimos anos, tanto aos da Armada Española, coas fragatas F-100, como os encargos para Noruega e Australia.

Decisións militares

Militares consultados por Europa Press estimaron que detrás desta resolución podería estar a decisión do Goberno español de retirar a fragata Méndez Núñez, con base en Ferrol, dun despregamento no que tiña previsto realizar a volta ao mundo como escolta do portaavións USS Abraham Lincoln.

Hai case un ano, o 14 de maio, o Goberno de Pedro Sánchez ordenou que a fragata da serie F-100 abandonase o grupo cando o buque militar norteamericano e outros barcos que lle prestaban apoio foron enviados cara ao Golfo Pérsico. Unha decisión que foi criticada desde a embaixada norteamericana en España. 

comentarios