Navantia Ferrol mobilízase para reclamar carga de traballo

Traballadoras e traballadores de Navantia Ferrol e das súas empresas auxiliares, volveron a manifestarse a pasada quinta feira polas rúas e avenidas deste cidade, para demandar carga de traballo
Manifestación do persoal de Navantia en Ferrol (Europa Press)
photo_camera Manifestación do persoal de Navantia en Ferrol (Europa Press)

Unhas 2.000 persoas, traballadoras e traballadores de Navantia Ferrol e das súas empresas auxiliares, volveron a manifestarse a pasada quinta feira polas rúas e avenidas deste cidade, para demandar carga de traballo. A razón é que están por finalizar as obras contratadas e non hai novos encargos até o inicio da construción das fragatas F-110 previsto para o ano 2022.

O presidente do comité de empresa, Javier Galán, lembra que a propia compañía pública "contemplaba no seu Plan operativo de empresa a construción dun buque AOR para a Armada, un documento que marcar pautas de posibilidades, algunhas xa realizadas, e outras pendentes de resolución".

Galán afirma que "nos vale un barco destas características ou doutras, mais o que non permitiremos é que a totalidade do cadro de persoal das empresas auxiliares deste centro sexan despedidas a partir de maio ou xuño cando se entreguen os dous buques AOR para Australia". 

Denuncias de represalias por mobilizarse

En relación ás denuncias de traballadoras e traballadores das auxiliares que aseguraban que recibiron presións por participar nas mobilizacións, Galán afirmou que non ten "novas comunicacións ao respecto". En todo caso asegurou que "non permitiremos que ningunha empresa tome represalias contra as traballadoras e traballadores por participar en mobilizacións, que non son só para favorecer o conxunto do persoal, senón que tamén as propias responsábeis das empresas que deberían de estar tamén interesadas", avisou. 

Novas incorporacións

Sobre o proceso de novas incorporacións, Galán salientou que se levaron "unha sorpresa" despois de que a directora de Recursos Humanos nos dous estaleiros de Navantia na ría de Ferrol "aceptara todos e cada un dos requisitos que se lle propuñan", tras meses de diferenzas. "Aceptan que esteamos presentes no proceso das reclamacións presentadas aos postos ofertados, cun período para presentar alegacións, e tamén se publicará unha listaxe de admitidas e excluídas, comunicando de maneira persoal a cada unha das persoas que se presentaron o motivo do rexeitamento”, informou o presidente do comité de empresa.

Comentarios