Naturgy advirte á Xunta dos riscos ambientais que tería a celulosa de Altri na Ulloa
O26 de decembro de 2023 Augas da Galiza publicaba no Diario Oficial da Galiza (DOG) o anuncio de información pública do procedemento ambiental e solicitude de autorización de concesión dun aproveitamento de augas con destino a uso industrial a derivar no río Ulla, no encoro de Portodemouros, nos termos municipais de Agolada (O Deza), Santiso (Terra de Melide) e Palas de Rei (A Ulloa). A empresa Greenfiber SL, de cuxa propiedade posúen 75% Altri e 25% Greenalia, comezaba a tramitar unha petición de 46 millóns de litros de auga ao día durante 75 anos do citado encoro cara á ‘macrocelulosa’ que proxecta en Palas de Rei. A concesionaria actual do aproveitamento deste encoro, Naturgy, confirmou o pasado mes de xuño a Nós Diario que presentara alegacións diante de Augas da Galiza, e este xornal tivo acceso ao documento no que a enerxética advertiu o Goberno galego o pasado 27 de febreiro de que reclamará “os gastos que puidesen derivarse da eliminación do impacto ambiental causado, entendendo por tal as posíbeis verteduras, emisións, vibracións ou outros potencialmente prexudiciais para a saúde das persoas e/ou para o medio ambiente”.
No escrito da alegación presentado diante de Augas da Galiza, a empresa eléctrica —que ten a concesión do aproveitamento integral do río Ulla e dos encoros de Portodemouros, Brandariz e Touro— sinala que intervén na fase de información pública do proxecto por ser o momento no que “os que se consideren prexudicados polo solicitado poidan presentar as súas reclamacións”. A antiga Unión Fenosa asegura no documento que é “parte interesada” por ser titular desta concesión, e asegura que está a defender os seus “lexítimos intereses” no procedemento.
A empresa pide á Xunta que o contido desta alegación “forme parte do condicionado das autorizacións que se outorguen” e exixe que, en caso de que Augas da Galiza autorice a captación, exima Naturgy “expresamente de calquera responsabilidade derivada de cantos danos e prexuízos persoais ou materiais se causen en terreos, edificacións ou persoas que estean situadas ou transiten na proximidade do encoro”.
A Lei de augas e o “uso consuntivo”
Naturgy demanda á Xunta da Galiza “respecto á orde legal de preferencia de usos privativos da auga”, apelando á Lei de augas —tanto ao artigo 60 como ao 55.2 do texto refundido desta norma— para advertir de que “os únicos usos privativos das augas” que serían preferentes ao uso do aproveitamento hidroeléctrico que ten Naturgy en Portodemouros “son o abastecemento da poboación e os regadíos e usos agrarios”, e afirma que “resulta evidente a preferencia de uso de Naturgy sobre o do solicitante de autorización [Greenfiber]”.
No escrito, Naturgy desmente as reiteradas afirmacións do director do Proxecto Gama -para a construción da celulosa de Altri na Ulloa-, Bruno Dapena: “Non consumiremos auga, só a usaremos”. Neste sentido, a enerxética alega que o volume de auga que demanda Altri de Portodemouros “deriva a un uso consuntivo [que consume auga] e non poderá ser utilizado para producir enerxía nos aproveitamentos” dos que é titular a eléctrica na mesma zona.
Diante da legalidade vixente e o “consumo” de auga que Altri faría do encoro de Portodemouros os vindeiros 75 anos, Naturgy advirte á Xunta de que “se reserva o dereito a reclamar a indemnización correspondente á afección que esta detracción produza sobre o aproveitamento integral do río Ulla, non só sobre a produción da central hidroeléctrica de Portodemouros, senón tamén sobre as centrais situadas augas abaixo en Brandariz e Touro”.
Impactos de Altri e indemnizacións
Refírese tamén Naturgy á autorización das obras para a captación de Altri, tanto no encoro como nos 12,5 quilómetros de tubaxes que a empresa recolle no proxecto para canalizar a auga até Palas de Rei. Visto o proxecto destas obras presentado por Greenfiber, a eléctrica advirte á Xunta de que “Naturgy non se fai responsábel de ningún desperfecto ou dano producido a persoas ou bens durante a execución das obras de captación”, unha responsabilidade que din que terá que asumir Altri.
Unha vez máis, a empresa exixe a Augas da Galiza que “a execución das obras debe levarse a cabo sen xerar limitación algunha á explotación do encoro” e advirte de que se isto acontece “e se producisen danos ou afeccións á explotación, Naturgy reclamará a indemnización correspondente aos gastos derivados dos danos producidos, incluído o lucro cesante asociado á falta de produción das centrais hidroeléctricas”.
Sinalando riscos nas obras precisas para que Altri leve a auga de Portodemouros a Palas de Rei, Naturgy contempla “desprendemento de algún elemento das instalacións” ou outra afectación á presa e ás súas centrais, para volver advertir á Xunta de que “reclamará a indemnización que corresponda polos gastos e danos causados”.
Indemnizacións á eléctrica a custa do erario público
Naturgy ten a concesión do aproveitamento integral do Ulla e deste encoro de Portodemouros desde 1968 –pasou de Moncabril a Unión Eléctrica e despois a Unión Fenosa-, unha explotación que rematará en 2061. O embalse ten capacidade para 300 millóns de m3 de auga e unha produción de 95 MWh. Por cada hora que turbina en Portodemouros, Naturgy ingresa entre 20.000 e 32.000 euros. A eléctrica ve ameazada a súa concesión por Altri, en caso de que o seu negocio se vexa prexudicado advirte de que reclamará indemnizacións, que terían que pagar as e os contribuíntes se a Xunta autoriza a concesión. Di a empresa que o aproveitamento de Portodemouros ten un nivel máximo de embalse de 252 m sobre o nivel do mar e un mínimo de 220. Di que a cota de desencoro é “variábel” e que a lei fixa que a nova concesión non pode limitar a súa explotación no seu normal funcionamento agora nin no futuro.


