Canopy, a maior consultora téxtil do mundo, exixe a paralización definitiva de Altri
Máis de medio cento de Organizacións Non Gobernamentais ambientais de todo o mundo e integradas na Environmental Paper Network remitiron cartas á Xunta da Galiza solicitando a paralización definitiva do Proxecto Gama. Entre elas, Canopy Planet, a maior consultora da industria verte téxtil do mundo.
Un total de 52 Organizacións Non Gobernamentais ambientais dos cinco continentes remitiron cartas ás consellarías de Medio Ambiente e Industria da Xunta da Galiza, así como aos ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, solicitando a paralización definitiva do proxecto de fábrica de celulosa e fibras de eucalipto de Altri e Greenalia (Greenfiber) en Palas de Rei (A Ulloa).
As entidades forman parte da Environmental Paper Network (EPN), unha rede internacional moi influente en cuestións de sustentabilidade da polpa e o papel ao longo da cadea de subministración global e o ciclo de vida do papel. Nada en 2002 EPN ten como obxectivo "camiñar cara a unha industria forestal, de polpa e papel que contribúa a un futuro saudábel, xusto e sostíbel para toda a vida na Terra".
E de entre estas 52 organizacións que rexeitan a instalación de Altri na Ulloa destaca Canopy Planet, a maior consultora da industria verde téxtil do mundo, con sede en Vancouver e asesora de máis de 950 marcas da industria da moda a nivel internacional, entre elas Inditex, H&M, Burberry ou Puma.
O pasado mes de outubro Nós Diario púxose en contacto con esta consultora para coñecer a súa opinión sobre o coñecido como Proxecto Gama e xa nese momento Canopy avanzou o seu “non” á macrocelulosa. A resposta da directora executiva e fundadora da consultora, Nicole Rycroft, foi contundente: “Non se deberían construír novas fábricas de fibra de madeira para a produción de viscosa/lyocell neste momento en ningún lugar do mundo”.
Rycroft explicaba a Nós Diario que é preciso “pasar dos modelos de produción de 'coller, fabricar e desperdiciar' a cadeas de subministración circulares e de próxima xeración”. E isto está xa a pasar no mundo da moda a nivel internacional, Canopy e as grandes marcas a nivel mundial traballan con proxectos en todo o mundo que desenvolven alternativas verdes, “utilizan residuos agrícolas, roupa desbotada e restos de alimentos como insumos en lugar de bosques”.

