Altri, de proxecto estrela a proxecto estrelado
Altri e Pemex descreben dous proxectos, fillos da mesma política do goberno galego do PP, en dúas fases. Todo comezou con Pemex en 2012. Semella que hai un valor entendido, de medir o labor dun goberno, cal é amosar unha/as realizacións resplandecentes e que poidan ser exhibidas na vida do gobernante e na posteridade. O presidente Feixoo anunciou en plena campaña eleitoral en 2012 de que a mexicana Pemex tiña o proxecto de encargar unha vintena de buques (de distinto tipo) a executar na Galiza e mais en México. O anuncio cumpría a función de oferecer unha solución á industria de construción naval galega, con problemas; dar idea de capacidade internacional de relacións económicas interesantes para Galiza; amosar aos eleitores galegos a boa xestión dun gobernante; en fin, exhibir a capacidade de voo internacional do Executivo galego. Mágoa que todo rematou nun fiasco de proporcións nunca valoradas, social e politicamente falando, xa que unha vez fracasado todo, convenientemente, desapareceu do foco informativo e non trouxo custos políticos nen de imaxe para o citado presidente. Os pasos do Executivo galego e o proceso informativo aseméllanse en grande medida ao actual de Altri. A relación Pemex-Galiza acabou (2020) -sen ter dado froitos- cando a policía española detivo en Málaga, a petición da Fiscalía mexicana, Pedro Lozoya, directivo de Pemex e asinante con Feixoo da compra de Barreras en 2014. Nen floteis, nen quimiqueiros nen remolcadores. E Barreras tivo, despois de varios doentes episodios de cuase quebra, a boa sorte de pasar a formar parte do grupo Armón. Os 2.500 postos de traballo que se anunciaran, na propaganda eleitoral, aínda se esperan hoxe; do investimento estranxeiro, salvador da economía galega, nunca un peso se viu, e da suposta xestión de política económica industrial da Xunta fican os titulares de prensa e a presenza na TVG, iso si, quedou para a posteridade a frase grandielocuente -usada hoxe tamén- de "alianza estratéxica" denotativa do alarde de grandeza da xestión e da altura internacional dos gobernantes.
Altri é unha empresa portuguesa do grupo denominado Altri SGPS S.A. con factorías só en Portugal. Greenfiber S.L. e Greenfiber Development S.L. (de vida só nominal) son parte.
O proxecto de Altri rematou nun fiasco de proporcións nunca valoradas, social e politicamente falando, xa que unha vez fracasado todo, convenientemente, desapareceu do foco informativo.
Non obstante, o parecido empresarial entre Altri e Pemex acaba aí, só existe no lazo de unión do devir político do PP, na Galiza. Altri non é unha grande compañía, nen no panorama mundial nen europeo. A súa facturación no ano 2023 (Relatorio integrado 2023) foi de 788 millóns de euros. En Galiza temos conserveiras -por citar só empresas dun sector industrial galego moi coñecido- de maior facturación e cun degrau de internacionalización robusto: as galegas non son só empresas exportadoras, senón de inserción multinacional. Produciu 1.061 mt de celulosa. O número de empregados é de 739 (neste caso son denominados contratos permanentes), dos que 9 son en España e 4 en Suiza, o que lle permite aseverar que está presente en tres Estados (??). Xogando coas variantes nominais, noutro lugar da memoria cifran en 799 o número dos chamados "colaboradores"(eufemismo de empregados asalariados), xa que figuran como empregos (a diferenza de contratos) a tempo integral. Ese xogo nominal entre empregos e contratos permite exhibir -con despiste- distintas cifras de asalariados. Altri está só no sector de actividade de produción de pasta celulosa papel e produtos forestais. Cotiza na Bolsa portuguesa Euronext Lisbon e repartiu dividendos entre os seus accionistas, a pesar de recoñecer que a evolución do mercado proprio e mais o europeo non atravesan o mellor momento: a facturación de 2023 foi inferior á de 2022. Altri non é tampouco unha empresa envorcada na investigación. Nen por fondos dedicados nen por capacidade tecnolóxica -acorde co seu tamaño- ten emprendido camiños de anovación nos procesos de fabricación, nen en novos produtos. Sabemos (información da propria) que estudan a mellora xenética do eucalyptus globulus, técnicas de silvicultura, e mesmo a mellora das pastas celulósicas conducentes a fibras. Os obxectivos en innovación declarados son de futuro. Cando neste sector de industria se referen a investigación e innovación é porque se fala de converter a madeira en bioquímicos da próxima xeración, como son o bio-monoetilenglicol, bio-monopropilenglicol ou azúcares industriais. Este é o caso de UPM- Kymmene OYJ finesa. Factura anualmente máis de 11.700 millóns de euros, con factorías en todo o mundo, e ten un capital social non comparábel nen de lonxe con Altri. Cotiza no Nasdaq de Helsinki. UPM, curiosamente, foi pechando fábricas de celulosa en Francia (2013), EEUU (2016), Alemaña (2017). A estratexia empresarial de UPM, finesa de orixe, mais de capital transnacional, abranxe o espazo mundial para enfocar a diversidade de investimentos e producións. Despois de pechar celulosas, expandiu a produción de papel especial a China e Alemania (xa desde 2015). Tamén en 2015 comeza a produción de biocombustíbeis a base de madeira na refinería de Lappeenranta, Finlandia, e en 2019 anunciou oficialmente que faría un investimento de 2.700 millóns de dólares (USA) nunha planta de celulosa a base de madeira de eucalipto, en Uruguay, para producir 2,1 millóns de toneladas de pasta con polpa de eucalipto; deu ideas a Altri para imitar á finlandesa, mais cunha envergadura e capacidade inalcanzábel para ela. Se percorremos a recente historia de UPM en Uruguay, en Paso de los Toros, (segunda celulosa de UPM alí), é como escreber o guión da chegada de Altri a Galiza, coa gran diferenza de que Uruguay non está na UE, e Galiza, si. Até agora a pauta das grandes compañías celulósicas europeas foi pechar as pasteiras de técnicas pasadas e crear outras factorías segundo o estándar de vida desta parte de Europa. Aquí, converteuse nun elemento da cultura empresarial das multinacionais o respeito ao principio de precaución da lexislación medioambiental comunitaria, no territorio da UE.
En Uruguay, en 6 anos naceu proxecto, acordo co goberno, construción da factoría e posta en funcionamento; en 2017 comezou o proxecto e en 2023 xa funcionaba. UPM comprometíase a facer o investimento e aplicar a súa capacidade técnica e empresarial, e Uruguay, á parte de poñer o país e a súa produción de eucalipto a súa disposición, comprometeuse -a cambio da pasteira – a crear unha rede ferroviaria e de estradas desde o interior do país; unha terminal adecuada no porto de Montevideo con acceso ferroviario; concesión de zona franca (libre polo tanto de impostos) e investir en infraestrutura e desenvolvemento para os recursos humanos na zona. UPM levaría a cabo a construción, instalación e posta en marcha da pasteira para producir anualmente 2 millóns de t. de celulosa de eucaliptos na conca do Río Negro. Esta velocidade de acordos e actuacións non teñen impedido que se producira contestación interna e exterior -con Arxentina- por temor á contaminación de recursos naturais, poñendo en cuestión a lasitude do goberno na permisividade contaminadora da planta. A fábrica de UPM intensifica, aprofunda na hiper-especialización uruguaia en celulosa: grazas ás factorías de UPM, Stora Enso (sueca) e Arauco (chilena) acada unha produción anual de 4,7 millóns de toneladas, 3 veces aproximadamente a produción española. Como é esperábel esta produción, está case na súa totalidade destinada á exportación -non ao mercado interior- convertendo así o mercado exterior en maioritariamente celulósico e vinculado fortemente aos vaivéns do mercado mundial de preponderancia chinesa. É dicer, os investimentos desta natureza de capital finés en Uruguai comezan co uso dos recursos do país -a madeira e o uso do chan irreversíbel a curto prazo-, son un elo necesario da estratexia dunha compañía privada multinacional: cadea de enganche á lóxica dunha compañía deste sistema mundial, e así mesmo dos seus intereses de negocio, por riba e por fóra do país hóspede.
Non é preciso lembrar o dito até agora de Altri e Galiza, xa publicado neste mesmo xornal desde 2021. Mais, brevemente, Altri ponse en contacto co goberno galego presidido por Alberto Núñez Feixoo (2020); presentan un proxecto ampuloso que denominan de fibra e gozan desde o primeiro momento de trato de privilexio: proxecto declarado sucesivamente de Utilidade pública e Proxecto Industrial Estratéxico (PIE). O seu proxecto -coñecido- ten a grande manca de que precisa capital subvencionado de 250 millóns de euros. Xa lles gostaría aos titulares de capital galego, de empresas de sectores estratéxicos da economía galega, contar con exencións fiscais, acceso en grau de preferencia aos recursos -auga-, exención de permisos municipais, acceso á trámites administrativos en avantaxe, negociacións de intermediación co goberno estatal para uso de fondos públicos, modificacións lexislativas a interese do capital portugués, busca, como se tratase do proprio, de financiamento europeo, creación de IMPULSA, empresa público-privada para de maneira formal asinar un Memorando de Entendemento (que é real porque se entenden ben) e mesmo mudar contido e nome das Consellerías para que os proxectos industriais eludan o camiño de control actual.
Altri non é un choio para Galiza. Non é grande, nen multinacional, non ten capital para investir en cantidade abonda, non é portadora de novas técnicas, nunca produciu fibra nen ten socio tecnolóxico para o facer, non é anovadora, usaría de forma destragadora os nosos recursos e enfeuda o destino da terra útil, só para eucaliptos; non vai dar máis de 200 empregos ( para 1.061.000 t emprega 739 asalariados, aquí menos da cuarta parte), nunca 2.000. En fin, só é un choio para os donos de Altri : Galiza debería pór todo: terra (recursos naturais non renovábeis como é a auga), man de obra, e por riba, capital a fondo perdido.
Altri naceu en Galiza como estrela dun goberno carente de política industrial propria e, hoxe, grazas á contestación, esvarou pola estrada de se estrelar, antes de ser.