A ministra de Industria promete o estatuto de electrointensivas "este ano"

Reyes Maroto asegura que será realidade e  beneficiará a máis de 600 industrias con máis de 300.000 persoas traballadoras.
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto (Europa Press)
photo_camera A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto (Foto: Europa Press)

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, asegurou hoxe no Congreso que o anunciado e prometido estatuto para a industria altamente dependente do consumo eléctrico, a chamada electrointensiva, estará aprobado "antes de final de ano".

Este estatuto, cuxa aprobación contemplaba nun prazo de seis meses un decreto lei do primeiro Goberno de Pedro Sánchez de finais de 2018, non viu a luz antes das eleccións xerais do pasado ano e non foi aprobado durante o 2020 até o de agora, co Goberno español xa plenamente en funcións.

A titular de Industria asegurou que beneficiará a máis de 600 industrias con máis de 300.000 persoas traballadoras e que a súa aprobación, con medidas como as compensacións por custos de emisións indirectas de CO2 e o fondo de reserva para garantías para estas industrias permitirán "un marco de instrumentos ao servizo da grande industria que vai proporcionar maior estabilidade, seguridade e certeza ao redor do prezo da electricidade, e favorecer o investimento industrial". 

A ministra tamén que "unha vez aprobado o Estatuto, xunto coas axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 e o Fondo estatal de reserva para garantías de entidades electrointensivas, se creará un marco de instrumentos ao servizo da grande industria" coa intención de favorecer o investimento neste eido. 

O BNG pide intervir Alcoa

A presión para aprobar o estatuto das industrias electrointensivas este último ano veu da man da situación pola que pasan factorías como a de Alcoa en San Cibrao (Cervo). 

Desde a multinacional solicitábase que este mecanismo se mantivese activo en condicións para continuar co traballo na fábrica. Nas últimas declaracións no xuízo polo expediente de regulación de emprego (ERE), mudaba de opinión asegurando que non había futuro para o aluminio no Estado español. 

O BNG ten rexistrado no Congreso unha Proposición non de lei e varias preguntas escritas instando o Goberno español a que adopte de inmediato un calendario de actuacións para a intervención pública de Alcoa San Cibrao e dar así cumprimento ao acordo adoptado na Comisión de Industria para iniciar os trámites e a intervención da empresa.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios