Nove industrias electrointensivas consomen 34% de toda a enerxía galega

As grandes industrias electrointensivas que operan na Galiza concentran a maior parte do consumo eléctrico. Algunhas voces cuestionan a súa eficiencia enerxética, parella á súa dependencia de multinacionais con sede social no estranxeiro. No horizonte, un novo estatuto que podería traer a incorporación de novas empresas.

Edificio de Oficinas de Celsa Group (Celsa Group)
photo_camera Edificio de Oficinas de Celsa Group (Foto: Celsa Group)

As grandes industrias electrointensivas na Galiza, en mans de multinacionais, empregan na actualidade 34% da electricidade total que se consome no noso territorio. Pola contra, achegan menos de 2% do traballo fabril. A industria galega, polo seu lado, consumiría tan só 19% do total galego. Esta última estaría localizada en 12.768 locais segundo datos do Instituto Nacional de Estatística realizados en 2017. Son as cifras que achega o catedrático Ramón Varela Díaz nun traballo publicado no último número da revista Cerna.

Os datos apuntan a que a demanda industrial tamén superaba moito á que se dá no Estado español, que non chega a 35%. En concreto, o consumo galego da electricidade en 2017 distribuíase co 52,4% para a industria; 22,6% para uso doméstico; 19,7% en servizos; 2,1% nos sectores da pesca, da agricultura e das minas; 1,4% no transporte; 0,8% na construción; e por último 1% bombeo. Por este motivo, para Varela Díaz a industria electrointensiva na Galiza "é pouco eficiente nos seus procesos e despilfarradora en enerxía, o que repercute desde o punto de vista económico".

Chega a esta conclusión logo de comprobar que as grandes empresas relacionadas coa industria electrointensiva en sectores como a siderurxia, a metalurxia non férrea ou a fundición consumían 6,22 millóns de MWh en 2001 e no ano 2016 o gasto foi de 6,19 millóns de MWh.

Unha industria moi concentrada no territorio

A industria electrointensiva que opera na Galiza concéntrase na comarca da Mariña e nas da Coruña. Na primeira zona están as factorías de Alcoa de alúmina e aluminio no concello de Cervo. O seu consumo, con datos do Ministerio de Industria relativos a 2020, era de 3.657.196 MWh, fronte ao resto de todos os sectores das comarcas de Lugo, que era 4.926.780 MWh.

Séguelle por territorio as comarcas da Coruña onde se concentran as factorías de Alu Ibérica, Ferroatlántica, Megasa e Celsa. As cifras máis recentes deste mesmo ano aseguran que o consumo das grandes compañías é de 2.821.96 MWh dun total de 7.965.755 MWh comercializados.

As grandes industrias electrointensivas na Galiza en mans de multinacionais

Galiza conta con 9 das 27 industrias incluídas na Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE) desde a súa creación en 1980. Representan 11,5% do total e están controladas por capital estranxeiro. A multinacional americana Alcoa ten en propiedade as factorías de alúmina e aluminio de San Cibrao (Cervo); Alú Ibérica na Coruña (antes Alcoa Inespal) pertence na actualidade ao Grupo Industrial Riesgo; Ferroatlántica de Sabón é do Grupo Ferroglobe; XEAL (“Xallas electricidad y aleaciones”), son propiedade do fondo americano TPG (Texas Pacific Group); Celsa Atlantic da Laracha, do Grupo europeo Celsa Group; Air Liquide Ibérica de gases na Coruña, do Grupo Air Liquide. A excepción é Megasa Siderúrgica de Narón, do Grupo Megasa.

O novo estatuto: debate conxelado

A chegada da pandemia da Covid-19 pasou a un segundo plano o intenso debate sobre a aprobación dun novo estatuto para as industrias electrointensivas, que tiña que aprobarse a principios deste ano, unha vez pasado o trámite da Comisión Europea, e que xa leva dous anos conxelado. Daquela o Goberno español anunciara unha posíbel ampliación, dentro da nova norma, para acoller novas empresas que até o de agora non entraban. Esta ampliación viría da man da mudanza nos criterios empregados polo que, no caso galego, estas chegarían a ser 31 empresas.

Desde a Xunta da Galiza apostan por esta ampliación e, desta maneira, dar entrada a outras grandes industrias consumidoras como Finsa ou Showa Denco Carbón, que consistirían en aplicarlles deducións fiscais e en mecanismos de compensación sobre os custos das emisións. Neste caso, Varela Díaz critica que o Goberno galego "nunca exixiu a estas industrias eficiencia, aforro enerxético, melloras tecnolóxicas nin uso de enerxía renovábel".

O novo estatuto, tal e como quedou definido até agora por parte do Goberno español, e a falta das mudanzas que se introduzan a última hora, conta con ter bonificacións de até 85% nas facturas de consumo das industrias que operen no Estado español, cun orzamento que supera os 90 millóns de euros. Ademais, prevé compensacións por custos de emisión de C02, que en 2019 chegaron a 172 millóns de euros e que poderían ser superiores se conta co permiso da UE. Por último, a norma activará un mecanismo de cobertura de acordos de compravenda de enerxía a longo plazo (PPA).

O atraso na súa aprobación está a ter consecuencias nas empresas electrointensivas. Máis alá de Alcoa, nos últimos días outra compañía, Celsa, que dá emprego a 150 persoas na Galiza, pediu un rescate por 350 millóns de euros á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Comentarios