As grandes eléctricas arrastran a clientela da súa oferta regulada á libre

Máis de 100.000 persoas mudaron na Galiza ao mercado libre da enerxía en 2021, o que sitúa o país coa maior taxa de cambio do Estado español.
Oficina de Naturgy na rúa Alfredo Brañas de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Oficina de Naturgy na rúa Alfredo Brañas de Compostela (Foto: Nós Diario).

A enerxía está detrás de boa parte das subas de prezos dos últimos meses, até o punto de que o pasado marzo foi o mes co recibo da luz máis caro da historia. Estes incrementos, que se veñen sucedendo desde o inicio da pandemia da Covid, motivaron que moitas persoas decidisen dar o salto e buscar tarifas máis baratas no mercado libre.

Neste senso, segundo as estatísticas presentadas onte pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), a Galiza foi o territorio que maior taxa de cambio rexistrou entre a clientela que decidiu deixar o mercado regulado (a coñecida como tarifa PVPC, ligada aos prezos da luz nas poxas diarias) cara ao mercado libre. 

En concreto 5,4% dos fogares galegos optaron por esta vía, por diante das Canarias (4,8%) e Castela A Mancha e Murcia (en ambos os casos con 4,7%). No extremo oposto sitúanse Asturies (1,7%) e Cantabria (2,6%).

Segundo os datos do regulador, foron 100.390 os contratos que pasaron en 2021 do mercado regulado ao mercado libre na Galiza, aos que hai que sumar outros 139.579 cambios entre comercializadoras dentro do propio mercado libre. No sentido oposto, do libre ao regulado, rexistráronse 30.707 cambios o pasado ano e só 36 entre empresas que operaban dentro do propio mercado regulado. 

As máis de 100.000 persoas que decidiron dar o salto o pasado ano contrastan coas 34.516 que o fixeron en 2018 ou as 32.483 de 2019, mentres que en 2020 xa foron 40.273 as que optaron por cambiar de mercado.

Datos estatais

No conxunto do Estado houbo un total de 5 millóns de cambios de comercializadora no mercado eléctrico en 2021 e 1,04 millóns no do gas. Os movementos desde o mercado regulado (PVPC) ao mercado libre alcanzaron 1,25 millóns (24,8% do total) e duplicáronse respecto aos de 2020 (0,57 millóns de cambios, 15,6% do total).

As estatísticas publicadas pola  CNMC tamén mostran os movementos no mercado gasista, no que o pasado ano se produciron 1,04 millóns de cambios, 30% máis que en 2020, a maior parte (93,2%) cara a comercializadoras do mercado libre, tanto de clientes que xa estaban nesta opción e elixiron outra empresa (82,6%), como das que estaban na tarifa regulada ( TUR) e optaron polo mercado libre (10,6%).  Pola contra, o 6,6% dos fogares (68.342) optaron por pasarse do mercado libre ao regulado.

'Ganchos' comerciais

Os cambios de mercado non implican necesariamente que as grandes eléctricas perdesen parte do seu negocio. De feito, moitas persoas o que fixeron foi aceptar as ofertas das propias compañías que, valéndose de que tamén contan con distribuidoras, ofreceron prezos fixos moi competitivos á clientela no mercado libre, negociando contratos internos de compravenda de enerxía entre as súas sociedades.

A este respecto, desde a CNMC sinalan que cada persoa debe valorar cal é a opción que máis lle convén, ao tempo que lembran que na súa páxina web contan cunha ferramenta, o comparador de ofertas, ao que se pode acceder desde un código QR na propia factura e que pode axudar a tomar esa decisión.

Comentarios