Análise

A utilidade pública dos parques eólicos

Quico da Silva é membro do Colectivo de Debate Enerxético Bidán.
No camiño da transición enerxética vai ser precisa moita máis xeración eléctrica con fontes renovábeis. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No camiño da transición enerxética vai ser precisa moita máis xeración eléctrica con fontes renovábeis. (Foto: Nós Diario)

É rechamante que na ampla e enmarañada lexislación do sector eléctrico, europea e estatal non se regulen aspectos sociais como as compensacións mínimas das centrais de xeración polo aproveitamento de recursos naturais, entre eles o vento, ou os beneficios que deben percibir os territorios con este tipo de instalacións. Son cuestións que se deixan á man invisíbel do mercado, ao xesto gracioso e ocorrente das empresas.

Pola contra, en aplicación da Lei 24/2013 do Sector Eléctrico, na tramitación administrativa dos parques eólicos concédeselles a declaración de utilidade pública como a calquera actividade enerxética, semellante a unha infraestrutura pública, o que permite a expropiación urxente, sen considerar o recurso asociado ao terreo, e desequilibra calquera negociación entre a propiedade do monte e as promotoras.

O Real Decreto 960/2020 sobre retribucións económicas de enerxías renovábeis estabelece un mecanismo de retribución con prezos garantidos en base a poxas públicas, para abaratar a electricidade; mais as empresas non participan delas –na última adxudicáronse 45 MW dos 3.300 ofertados–, entre outros motivos porque obteñen máis beneficios no mercado marxinal ou con contratos de compravenda entre particulares a longo prazo (PPA)

Planificación estratéxica

— Galiza é exportadora neta de electricidade cun 70% de xeración renovábel, obxectivo na planificación estatal para o ano 2030

Galiza é exportadora neta de electricidade, con 3.800 MW eólicos fronte aos cero de Madrid ou aos 150 de Euskadi; a xeración eléctrica con fontes renovábeis é do 70%, obxectivo na planificación estatal para o 2030, ademais de superar, en cómputo anual dende o 2020, o consumo interno galego.

Cal é a lóxica de dar aos promotores dereito á expropiación se na Galiza xa superamos a planificación estatal e as propias empresas desbotan o servizo público para obter un maior beneficio privado? Cal é a utilidade pública dunha PPA? Por que "dopalas" co dereito de pernada da expropiación impedindo unha negociación de igual a igual coa propiedade de monte?

No camiño da transición enerxética e da descarbonización da economía, singularmente do transporte, vai ser precisa moita máis xeración eléctrica con fontes renovábeis; agora ben, o seu desenvolvemento e o inevitábel impacto no territorio debe ser planificado dende as administracións públicas e non dende as empresas, aínda que sexan públicas doutros estados.

Galiza non pode seguir sen planificación propia deste ámbito estratéxico, polo que dende o Colectivo Bidán vimos demandando a necesidade urxente dunha Lei Galega do Sector Enerxético, para dar solución a cuestións urxentes como a que vimos de comentar sobre a utilidade pública, a do mecanismo administrativo dos parques eólicos –concesión e non autorización–, ou a do rescate das concesións hidroeléctricas xa vencidas cunha xestión actual sen explicar. Mais tamén precisamos dun marco legal que presente conflitos competenciais por cuestións como a da limitación aos 50 MW na tramitación dos proxectos diante da Xunta, sen argumento técnico ou económico algún que sustente a competencia estatal para os de maior potencia, ou mesmo a relativa á eólica mariña.

Euskadi, Catalunya e Aragón

Unha última proposición atrevida: é posíbel un goberno galego onde o nacionalismo sexa a forza política predominante, aínda que precise o apoio do socialismo español, complexo de concretar. Nesta hipotética situación, sería un enorme erro deixar nas mans do socialismo estatal as responsabilidades sobre o sector enerxético, fulcral para o desenvolvemento de calquera país, xa que a historia demostra que neste campo non se diferencia en nada do PP, sempre ao ditado das eléctricas e "arrastrando os pés", como evidencian as súas declaracións, as do PSOE e as do PP, sobre das compensacións que Galiza debe recibir pola xeración eléctrica ou da participación pública, obrigados polos tempos e polo que acontece noutros partes do Estado español.

Euskadi ten dende hai 40 anos o Ente Vasco de Enerxía cunha importante participación pública en moitos proxectos enerxéticos, Catalunya vén de crear a súa empresa pública l’Energètica, e Aragón de aprobar un decreto lei para obter beneficios directos sobre o que denominan "enerxía de proximidade". Por iso, e pola resposta social existente na Galiza, as forzas políticas estatais –tamén as sindicais– séntense obrigadas a mudar o discurso e a ocultar que por culpa deles, tanto do PP como do PSOE, Galiza perdeu a posibilidade de ter un concurso eólico que lle daba, entre outras vantaxes, o 14% da participación pública, piar fundamental para ter encetado un proxecto enerxético propio e crear a súa empresa pública galega de enerxía.

Comentarios