1.610 granxas de vacún fecharon en 2021

O proceso de reconversión do complexo gandeiro continúa. Así, só no último ano fecharon 1.610 explotacións de vacún na Galiza, seguindo a liña comezada após a incorporación do Estado ao Mercado Común Europeo á volta de 1986. Durante os gobernos de Feixoo cesaron na súa actividade 17.605 granxas.
A Xunta acaba de denegarlles a 637 granxas a axuda de xestión sustentábel de pastos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Galiza produce 40% de todo o leite do Estado español. (Foto: Nós Diario)

Os datos recentemente achegadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) veñen confirmar a tendencia dos últimos anos. Así, en 2021, a Galiza contaba cun total de 27.633 explotacións de gando bovino, 2.928 das cales dedicábanse á ceba, 6.088 ao leite, 18.162 á carne, 395 ao leite e á carne e 90 á recría de xovencos.

A dimensión das explotacións é un bo indicador da situación do sector e apunta que unha boa parte das granxas non representan a actividade central do núcleo económico familiar. Na referida anualidade, 11.691 explotacións contaban con menos de 10 de cabezas; 6.871 entre 10 e 29 cabezas; 6.836 entre 30 e 100 cabezas; 1.638 entre 100 e 199 cabezas e 627 máis de 200 cabezas.

27.633 explotacións gandeiras

A Galiza perdeu 1.610 granxas de vacún no último ano. Se á volta de 31 decembro de 2020, o IGE certificaba 29.282 explotacións gandeiras para o conxunto do país, a 31 de decembro de 2021 esta cifra reducíase a 27.633, o que significa unha caída no exercicio de 5,49%. Neste sentido, a destrución de explotacións concéntrase naquelas granxas de menos de 100 cabezas, aumentado en 636 nas explotacións de máis de 100 cabezas.

O coordinador da Federación Rural Galega, Manuel da Cal, sinala a Nós Diario, que “o fechamento de explotacións é algo que vimos denunciando ano tras ano e que constata unha dinámica perniciosa de despoboamento e degradación do rural”. “A situación incide en todo, mesmo nos riscos de incendios, actualmente no foco da información”, continúa Da Cal, quen lembra que “se houbese actividade e terras de cultivos, as lóxicas dos incendios sería diferentes”.

A economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Mar Pérez Fra explica a Nós Diario que o "proceso de axuste do complexo agrario aínda non está rematado" e apunta que "un modelo baseado na produción a prezos moi altos sen apostar por incrementar a base territorial das explotacións só é posíbel se os prezos están garantidos”.

A caída da actividade agrogandeira ten un importante impacto no emprego. Mentres a Enquisa de Poboación Activa recoñecía 49.100 persoas ocupadas no agro e na gandaría a 1 de xaneiro de 2021, esta cifra situábase a 31 de decembro dese ano en 47.900, o que implica a destrución de 1.300 postos de traballo, 2,6% do total. Na mesma dirección, a poboación ocupada nestes dous sectores reduciuse ao longo de 2022 en 2.500 empregos, sumando 3.800 persoas  nos últimos dous exercicios.

17.605 explotacións menos desde 2009

Os números de 2021 sitúanse na liña dos anos de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta da Galiza. Segundo os datos oficiais do Goberno galego, á volta de 2009, o país contaba con 45.268 explotacións de vacún activas, reducíndose a súa cifra en 12 anos a 17.605. Na mesma dirección, as granxas de leite, que durante décadas foron a trabe do complexo gandeiro, ficaron concentradas en áreas xeográficas moi limitadas do territorio galego.

A tendencia á concentración e centralización do complexo gandeiro atópase nuns niveis non sospeitados unhas décadas atrás. Un bo exemplo disto obsérvase no sector lácteo, onde arredor de 6.088 explotacións na Galiza, que significan 56,06% do conxunto estatal, producen 40% da produción láctea de todo o Estado español.

Neste sentido, 20 concellos agrupan 80% das vacas de leite da Galiza, atendendo, en opinión do profesor da USC Bernardo Valdês “a especialización produtiva das comarcas ás características físicas de determinados terreos, que favorece, por exemplo, a produción láctea nas zonas de chaira”.

A concentración da produción láctea

Fra entende que “a concentración da produción láctea en determinadas zonas está moi ligada ao papel da industria, até o punto de que hai determinadas explotacións que son viábeis economicamente pero pola negativa da industria a non recoller o leite están condenadas a fechar”.

“Imos a un modelo moi intensivo de explotacións, cada vez máis dependentes de subministros externos”, indica Da Cal, quen engade que “no sector da carne avánzase nun modelo de cebadeiros que está facendo desaparecer este sector de comarcas tradicionalmente especializadas na produción de carne, como as de alta montaña. Unha mostra clara témola en zonas do interior coa actividade ao límite e con caídas do 60% no número de explotacións dalgúns concellos”.

4.000 núcleos abandonados

O abandono do medio rural está á vista. 4.000 núcleos de poboación atópanse actualmente abandonados no conxunto da Galiza, que perdeu nos últimos 10 anos 102.000 habitantes, a maior parte deles naquelas zonas de tradicional especialización agraria e de terras altamente produtivas.

Comentarios