O prezo do leite producido na Galiza segue á cola do Estado: 44,7 céntimos por litro

Só no último ano perdéronse perto de 400 produtoras e produtores de leite.
#leite #vaca #vacas #gandaría #gandeiros (Foto: Nós Diario)
photo_camera O leite de Murcia págase a cinco céntimos máis por litro que na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O prezo do litro de leite que se pagou aos gandeiros e gandeiras galegas de media en xullo foi de 44,7 céntimos, o que supón un lixeiro incremento a respecto dos 43,1 céntimos de xuño, segundo os datos publicados nesta sexta feira polo Ministerio de Agricultura.

A pesar da tendencia alcista, cun incremento no último ano de máis de dez céntimos, o prezo que se paga na Galiza cronifícase como o máis baixo do Estado español, sen conseguir abandonar ese posto durante os últimos anos. É a mesma cantidade que a recibida en Castela-A Mancha.

De tal forma, a cantidade que percibe a gandaría galega está máis dun céntimo por baixo da media estatal (46,3 céntimos), e é até cinco céntimos inferior á cifra de Murcia (49,9 céntimos).

Aliás, o avance intermensual —o aumento entre xuño e xullo— medra na Galiza (+1,6 céntimos) a un ritmo considerabelmente inferior ao do conxunto do Estado (+2,5 céntimos), onde aumenta de 43,8 a 46,3 céntimos.

A piques de baixar dos 6.000 produtores

No entanto, o número de produtores e produtoras que realizan entregas no país prosegue co seu constante descenso e xa se achega a baixar do total de 6.000.

En concreto, a Galiza conta hoxe con 6.172 gandeiros que venden leite, uns 400 menos que un ano antes. Pola súa parte, a produción foi de perto de 250.000 toneladas en xullo, unha cantidade similar á do mes anterior.

Comentarios