70% das grandes empresas galegas non sobreviviron aos anos 2000

Un informe conclúe que 12,5% desapareceron pola mala xestión do risco e analiza casos concretos como o de Fenosa, a industria conserveira ou o Hotel e Balneario de Mondariz.
Hotel Balneario de Mondariz (Imaxe: Turismo de Galicia).
photo_camera Hotel Balneario de Mondariz (Imaxe: Turismo de Galicia).

Máis de 70% das grandes empresas galegas de sectores como a pesca, a construción ou a industria manufactureira non sobreviviron á entrada nos 2000. É unha das conclusións as que chega o informe Mortalidade empresarial na Galiza, 1972-208. Factores de impacto e xestión do risco.

O catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela Xoán Carmona dirixe esta investigación coa colaboración do docente e investigador Adrián Dios. Ambos conclúen que a insuficiente política de xestión de risco desembocou no fechamento de 12,5% das maiores empresas galegas entre 1972 e 2008.

O documento estuda sete factores de impacto, entre eles o cambio tecnolóxico e de industria, os problemas financeiros, as mudanzas institucionais ou regulamentarias, a sucesión e mala xestión, os shocks externos, a absorción e a xa mencionada xestión do risco. 

De Fenosa ás conservas

Analízanse de maneira pormenorizada os casos de Fenosa ou do Gran Hotel e Balneario de Mondariz, que fecharon as súas portas precisamente por ese factor. A primeira carecía dos seguros necesarios para afianzar o financiamento estranxeiro, dando lugar a unha profunda crise financeira. A segunda non contaba co seguro axeitado e o incendio nunha reforma supuxo un golpe mortal.

Os autores tamén analizan as consecuencias no sector da conserva da seca de pagamentos de Libia, país que adquiría gran parte da súa produción. Un conflito que amosou a necesidade de contratar seguros de crédito á exportación.

Destacan tamén o caso de Vidros A Florida, que contaba cun cadro de persoal de 135 persoas, no que a caída do teito da fábrica motivou a súa clausura definitiva.

Ou o de Rodolfo Lamas Construcións, con máis de 1.000 traballadores, que cesou a súa actividade polo derrubamento, causado por unha nevada, dun polideportivo que construía no concello das Pontes. Ningunha das compañías contaba cun seguro que lles permitise afrontar os mencionados sinistros.

Seguro necesario

O informe, presentado onte no Colexio de Fonseca de Compostela, amosa así a necesidade do aseguramento, que os investigadoras consideran transversal a calquera empresa e independentemente do seu tamaño ou do sector. 
 

Comentarios