Luz verde á planta de amoníaco de Punta Langosteira, en Arteixo

As instalacións ocuparán máis de 100.000 metros cadrados.
Proxecto da planta en Arteixo (comarca da Coruña). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Proxecto da planta en Arteixo (comarca da Coruña). (Foto: Nós Diario)

A Vicepresidencia Segunda da Xunta da Galiza e a Consellaría de Medio Ambiente deu luz verde á planta de produción de amoníaco verde, impulsada por Armonía Green Galicia, no porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira, no municipio de Arteixo (comarca da Coruña). O sistema de produción de amoníaco conta cunha capacidade de produción anual de 725.000 toneladas cando se alcance a última fase do proxecto. O amoníaco producido almacenarase en tres tanques, cunha capacidade total de máis de 100.000 toneladas e as instalacións ocuparán tamén máis de 100.000 metros cadrados.  

O futuro equipamento ten como obxectivo a produción de amoníaco mediante o sistema de Haber-Bosch, co uso de nitróxeno e hidróxeno electrolítico no proceso. O amoníaco almacenado enviarase até o porto O Martelo para a súa carga en barcos de cara á súa exportación, ao igual que se contempla a posibilidade de proceder á descarga de amoníaco procedente de trens.

Os efluentes de augas que xerará esta produción distribuiranse en: pluviais potencialmente contaminadas, pluviais limpas, de lavados e sanitarias, "non xerándose polo tanto augas residuais no proceso", afirmaron no día de onte desde o Executivo galego. Estas pluviais descargaranse ao medio mariño previo tratamento. 

En concreto, as augas potencialmente contaminadas serán tratadas nun separador de hidrocarburos e as sanitarias serán evacuadas a unha fosa séptica nas propias instalacións. O informe ambiental –do que informou o Diario Oficial da Galiza (DOG) esta segunda feira– avala que as actuacións de Armonía Green Galicia "afectan de maneira significativa a hábitats de interese comunitario", se ben se atopa nunha zona dentro do límite da reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Plan de infraestruturas do lago das Pontes

Por outra parte, Medio Ambiente acordou non someter ao procedemento ordinario de avaliación ambiental o plan especial de infraestruturas e dotacións no lago artificial das Pontes (comarca de Eume), posto que "non se prevén efectos ambientais adversos significativos. 

Este plan ten como fin "posibilitar a implantación de diferentes dotacións para o uso recreativo, deportivo e de ocio no entorno do lago artificial" –arredor duns 8,7 quilómetros cadrados creados no oco da antiga mina a ceo aberto–, así como as infraestruturas necesarias en materia de vías, aparcadoiro, saneamento ou electricidade, entre outros.

Comentarios