ECONOMÍA

O Círculo de Empresarios alerta da perda de peso dos grandes portos galegos

O Círculo de Empresarios alerta da perda de peso dos grandes portos galegos

O Círculo de Empresarios sinala a necesidade de conectar por tren o porto de Vigo e Feixoo pide na Coruña o mesmo para o de Punta Langosteira.
Vista do peirao de contedores de Guixar (Foto: Porto de Vigo)
photo_camera Vista do peirao de contedores de Guixar (Foto: Porto de Vigo)

O tráfico dos portos galegos de interese xeral supuxo o ano pasado o 5,51 % do total dos Portos do Estado, fronte a 7% de hai unha década. Esta perda de peso foi progresiva e evidencia a necesidade dun maior esforzo investidor para garantir a competitividade e futuro destes cincoportos galegos (A Coruña, Ferrol-San Cibrao, Marín-Ría de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa).

Así o indican desde o Círculo de Empresarios da Galiza nun informe no que evidencia tamén que mentres que o sistema portuario galego de interese xeral rexistrou entre 2010 e 2019 un aumento do tráfico de 10,04 %, a media dos Portos do Estado triplica esa porcentaxe.

Os cinco portos galegos pecharon 2020 cun tráfico total de 28.431.411 toneladas. Segundo o organismo empresarial, os datos do ano pasado "poden estar a indicar xa algunhas das carencias que explicarían a perda de peso no cómputo español, así como as limitacións ao crecemento que poden estar a padecer algúns dos nosos portos".

 Con todo, sinalan que, a pesar das cifras negativas, a creación dos portos exteriores da Coruña e Ferrol "permiten albergar esperanzas sobre o seu potencial de crecemento, que deberá ir acompañado de adecuadas políticas de promoción". 

Porén, non sucede o mesmo cos portos do sur da Galiza que, alertan, "poderían verse constrinxidos, a medio e longo prazo, pola limitación dos seus espazos e pola carencia de infraestruturas ferroviarias".

Conexións ferroviarias

Neste senso, no caso de Vigo, lembran que o plan estratéxico do porto contemplaba a conexión entre Bouzas e o saída sur, sobre a que se posicionou no seu día o propio Círculo de Empresarios de Galiza e que, segundo apuntan, daría resposta ás necesidades da industria do sur da Galiza e, xunto co incremento das liñas de atracada, garantiría a competitividade e mantemento da actividade dun dos principais pulmóns económicos do país.

A conexión ferroviaria tamén é demandada no porto exterior da Coruña. Onte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, mantivo un encontro co seu presidente no que volveu esixir ao Estado español a licitación "antes de xuño" do tren a Langosteira, así como a condonación da débeda, dous aspectos que considerou "urxentes". 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios