Feijóo, satisfeito coa venda de Barreras a Pemex: "é unha oportunidade para o naval"

O presidente da Xunta de Galiza gabouse esta quinta feira da compra de Barreras por parte da Pemex. "É unha oportunidade" dixo. Núñez Feijóo atribuiu a entrada da mexicana no accionariado do estaleiro de Vigo á incapacidade desta para conseguir un aval que lle permitiría construír un buque flotel

A situación económica pola que atravesa o sector naval galego e, nomeadamente o estaleiro vigués Barreras son para o líder do executivo galego motivo sufiente para promover a súa venda ao capital foráneo. A entrada de Pemex no accionariado de Barreras --con 10 millóns de euros segundo vén de confirmar a empresa mexicana-- "supón beneficios para os traballadores" do naval de Vigo mais tamén, engadiu, "para Galiza" e "as empresas auxiliares". 

Segundo Alberto Núñez Feijóo a incapacidade de Barreras para conseguir o aval que lle permitiría presentarse á licitación dun buque flotel motivou a súa venda á petroleira paraestatal mexicana que nun comunicado de imprensa recoñecía a rendibilidade do investimento, habida conta da importancia  económica de Barreras en tanto que "columna vertebral do ecosistema de estaleiros e dos seus provedores", aseveran desde Mexico. Para Pemex o 51% do accionariado supón a entrada en "seis estaleiros" e na "industria auxiliar máis importante" do Estado español. 

A importancia estratéxica que desde Mexico ven no sector naval galego semella non ser partillada por unha administración galega que rexeitou desde o comezo axudar directamente ao sector con fondos públicos ou pulando polo levantamento do veto á construción naval civil que, xa na Ría de Ferrol, impide a Navantia Fene acceder a carga de traballo. 

Á espera de se fechar formalmente o acordo,o estaleiro vigués pasará a tomar parte do organigrama da petroleira mexicana e comezará a construír "de maneira directa e sen licitación" buques. Neste senso, a dúbida cérnese sobre o futuro de Navantia e da construción do flotel prometido por Feijóo. No entanto, o presidente da Xunta quixo desbotar calquera dúbida ao respecto e asegurou que Pemex "cumpre cos seus compromisos" polo que se amosou "convencido" de que a construción dun outro flotel na ría de Ferrol continúa adiante. Mais a ultima palabra está agora en Mexico. 

Comentarios