Entrevista

Iván López, presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo: "Hai unha colisión entre a pesca e a eólica mariña"

Iván López é o presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo, que vén de ser creada. Nesta conversa, analiza para 'Nós Diario' o impacto das limitacións á pesca coa arte do arrastre anunciadas pola Comisión Europea e explica os perigos que se abren para o sector coa implantación da eólica mariña.
Iván López (Foto: Nós Diario).
photo_camera Iván López. (Foto: Nós Diario)

—Que impacto pode ter para o sector pesqueiro galego a proposta da Comisión Europea de prohibir a pesca de arrastre en todas as augas protexidas da Unión Europea?
Esta proposta é difícil de avaliar a esta altura xa que hai moitas dúbidas a respecto da súa aplicación. O mesmo autor da iniciativa, o comisario europeo de Pesca, Virginius Sinkevicius, sinalou a semana pasada nunha reunión mantida con representantes das confrarías que a decisión non é vinculante para os Estados membros. Polo tanto, se isto non é vinculante, corresponderíalles aos diversos Estados membros a súa concreción nas augas de cada país.

A maiores, non temos claro a que se refire a Comisión Europea canda fala de prohibición de artes de pesca de fondo móbil. Pode ser que se refira ao arrastre, pero tamén o raño, empregado no marisqueo, pode ser considerado como unha arte de pesca de fondo móbil. Para poder enfrontarnos construtivamente a esta proposta, temos que saber a que se refire a Comisión Europea con isto. Porén, non está por aclaralo. 

—Vén de sinalar que na súa última comunicación o comisario de Pesca deixaba en mans dos Estados membros a concreción da medida. Neste sentido, cal é a postura do Goberno estatal e galego?
De momento non temos reacción oficial, estamos agardándoa. A lexislación para definir as augas protexidas é estatal e non comunitaria. Hai que agardar para saber o que pensan os Estados membros da UE, que non foron consultados en todo este proceso polo comisario europeo de Pesca.

Neste sentido, cómpre primeiro unha posición do Goberno do Estado e despois da Xunta, xa que as dúas Administracións son competentes en materia de protección ambiental.

 —A que responde, entón, unha proposta como está que acaba de formular o comisario de pesca da UE?
Eu creo que ante todo é vontade de surfear a onda molona do ambientalismo, diante da imposibilidade de manter unha axenda internacional naqueles temas que non teñen relación coa pesca. 

A este respecto pódense deducir dúas cousas. Contentar unha comunicación social que hai en base ás ONG -pénsese que a anterior comisaria de Pesca, Maria Damanaki, acabou traballando para a ONG estadounidense The Nature Conservancy, cun salario de moitos ceros-. E en segundo lugar, que o único sector sinalado nun documento comunitario sobre sustentabilidade é a pesca, pero non así outras actividades como a minaría mariña, as extraccións petrolíferas ou a eólica mariña.

—Falaba agora da eólica mariña. Precisamente, desde o sector pesqueiro algunhas voces apuntan ás compañías enerxéticas como responsábeis de decisións que pretenden limitar a actividade pesqueira en beneficio das eléctricas.
É evidente que hai unha colisión entre os intereses da pesca e da eólica mariña porque na Galiza a plataforma continental é moi pequena e as zonas de pesca coinciden coas que buscan as eléctricas para emprazar os parques de eólica mariña. O problema entre a pesca e a eólica non é de espazo, o problema é que a eólica mariña quere todo o espazo. 

O escenario da guerra de Ucraína favorece o impulso a toda produción enerxética renovábel, pero na Galiza hai moita eólica. Primeiro encheron os montes de aeroxeradores e agora queren encher o mar. En vez de facer unha política de instalación ordenada, aquí faise o que di Iberdrola: encher todo o territorio de aeroxeradores.

'Alterar a Política Pesqueira Común'

O presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo, Iván López, manifesta a Nós Diario a súa preocupación pola situación. Neste sentido, explica que o anuncio do comisario europeo de Pesca, Virginius Sinkevicius, de prohibir a arte do arrastre en 20% das áreas mariñas protexidas de cada un dos Estados da Unión Europea “busca alterar a Política Pesqueira Común (PCP) sen falar co Parlamento europeo e sen falar cos Estados membros”.

López non descarta a conexión entre esta proposta do comisario europeo de Pesca e a presión do lobby das enerxías renovábeis. Nesta liña, lembra “o escenario de necesidade enerxética actual marcado pola crise de Ucraína” e “o tipo de industria que desta detrás dos proxectos de renovábeis, que dispón de moitos recursos económicos e conta con fundacións con capacidade para influír”.

Comentarios