Isabel Pardo de Vera renuncia a presidir o 'lobby' inmobiliario Asval

Pardo de Vera foi unha das máximas responsábeis de Vivenda no Goberno español como secretaria de Estado. Agora pasará ao sector privado como presidenta de Asval, a patronal de fondos de investimento como Blackstone e Ares.
A ex secretaria de Estado Isabel Pardo de Vera. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
photo_camera A ex secretaria de Estado Isabel Pardo de Vera. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

A Asociación de Propietarios de Vivenda en Alugueiro (Asval), organización patronal do sector capitaneada por fondos como Blackstone e Ares, elixiu a ex secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, como próxima presidenta da asociación en substitución a Joan Clos, quen remata o seu mandato este mes de decembro. A xunta reitora de Asval tiña previsto propor a substitución a todos os seus asociados na próxima xunta convocada para o 20 de decembro. Porén, frustrouse esta mesma sexta feira, ao aseguraren fontes próximas á ex secretaria de Estado citadas pola axencia Europa Press que renunciaba ao cargo.

O nomeamento estaba aínda pendente da resolución da Oficina de Conflitos de Interese, que debía dar o visto e prace ao ocupar Pardo de Vera un cargo público, segundo informaron fontes coñecedoras. Ditas fontes precisaron que, polo momento, enviaron a citada solicitude pero aseguraron descoñecer cando se resolvería. Tamén apuntaron que, de confirmarse o cargo, este faríase efectivo a partir do próximo 1 de xaneiro. Pola súa parte, estas mesmas fontes sinalaron que a saída de Clos será "de maneira amigábel", tras esgotarse o seu mandato en Asval.

Isabel Pardo de Vera foi nomeada secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en substitución de Pedro Saura, na pasada lexislatura, a proposta da anterior ministra do ramo, Raquel Sánchez. Hoxe o Ministerio reconstituíuse coas competencias de Transportes e Mobilidade Sostíbel, con Óscar Puente á fronte e José Antonio Santano de secretario de Estado, mentres Isabel Rodríguez asumiu o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, con David Lucas na secretaría de Estado.

Antes deste nomeamento, Pardo de Vera ocupaba o posto de presidenta de Adif, compañía na que ingresou no ano 2007 a través dunha Oferta de Emprego Público e tras traballar no sector privado da enxeñaría e consultoría de proxectos de infraestruturas ferroviarias e de estradas. Máis de dous anos e medio despois do seu nomeamento, Pardo presentou a súa dimisión, xunto ao entón presidente de Renfe, Isaías Táboas, tras o problema que houbo sobre as dimensións e o deseño dos trens de proximidade para Cantabria e Asturias.

Tras a súa renuncia, Pardo apuntou, sobre a súa dimisión tras a polémica deste caso, que "nunca" tivo "apego ao posto" nin problema para pór o seu cargo "como sempre a disposición" do Estado, e insistiu en que "nunca se fabricaron trens que non cabían por túneles e nunca se desperdiciou nin un só euro".

Críticas dos sindicatos

Porén, as críticas a este posíbel —pero finalmente infrutuoso— movemento non tardaron en chegar desde os sindicatos de persoas inquilinas de todo o Estado español, que o consideran unha 'porta xiratoria', ao pasar de ser unha das máximas responsábeis das políticas de Vivenda do Goberno a integrarse na patronal. "O nomeamento de Pardo de Vera non só é intolerábel e un verdadeiro insulto para os millóns de persoas que viven afogadas polos abusivos prezos do alugueiro: ademais, tamén é ilegal", censura o Sindicat de Llogateres de Catalunya, a través dun comunicado.

No seu artigo 15, a Lei 3/2015, do 30 de marzo, que regula o exercicio do alto cargo da Administración Xeral do Estado, estabelece que os altos cargos non poden prestar servizos en entidades privadas que resultasen afectadas por decisións nas que participasen durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento. Neste caso, fai menos dun ano desde que Pardo de Vera dimitiu como secretaria de Estado do mesmo sector que o de Asval.

Comentarios