O investimento da Galiza en I+D é un 51,6% inferior ao da media da UE

Os últimos datos da Oficina Europea de Estatísticas (Eurostat) volven deixar en evidencia as políticas do Goberno galego en I+D. O organismo, dependente da Comisión Europea, certifica que a fenda nesta materia entre o país, o Estado e a Unión Europea (UE) continúa a medrar. O gasto da Xunta da Galiza sitúase un 22% por baixo do Estado e un 51,6% por baixo da media da UE .

EuropaPress_5644248_vacuna_espanola_contra_tuberculosis_recibe_apoyo_financiero_avanzar_ensayo
photo_camera Un investigador do grupo Zendal nas instalacións da farmacéutica no Porriño (comarca de Vigo). (Foto: Europa Press).

O investimento en investigación e desenvolvemento (I+D) sobre o Produto Interior Bruto (PIB) situouse na Galiza en 2021, último ano con datos do Eurostat, en 1,1%. Nesa mesma anualidade, o gasto neste ámbito alcanzou no Estado español o 1,41% do PIB e marcou de media para o conxunto dos países da Unión Europea (UE) o 2,27% do PIB. Os Estados da UE que destinaron unha maior porcentaxe do seu PIB ás políticas de I+D foron Bélxica con 3,43%, Austria con 3,26% e Alemaña con 3,13%, colocándose nos postos de cola Letonia con 0,74%, Bulgaria con 0,77% e Chipre con 0,83%.

Galiza incrementou o seu gasto en I+D desde 2007 en 11 décimas. Nese exercicio o investimento galego nestas políticas representou o 0,99% do PIB, cando a media estatal significou o 1,24% do PIB e a da UE o 1,80% do PIB. Así as cousas, o gasto estatal nesta materia medrou seis décimas máis que o galego e o investimento medio dos países da UE rexistrou unha alza 47 décimas superior ao da Galiza. Neste sentido, as cifras do Eurostat amosan un menor compromiso da Xunta da Galiza coa investigación e desenvolvemento que as autoridades estatais e comunitarias, o que lastra a competitividade e a capacidade de xerar máis valor engadido á economía galega.

A fenda nesta materia da Galiza co Estado español e a Unión Europea non deixa de medrar. Malia que esta situación atende a razóns estruturais, derivadas do papel que desenvolve cada nación e cada Estado no espazo comunitario e na división internacional do traballo, que ten levado a Comisión Europea a destinar a maior parte dos fondos estruturais dedicados ao I+D aos países centrais da UE, como ten analizado o catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Vence, a falta de vontade do Goberno galego para primar políticas dirixidas a xerar valor engadido e apostar por un modelo de desenvolvemento autocentrado é, tamén, chave para explicar esta realidade.

Coincidencia con outros estudos

As cifras achegadas polo Eurostat están na liña doutros traballos elaborados desde o ámbito comunitario. Así, o Regional Innovation Scoreboard (Índice de Innovación Rexional) da UE, publicado o pasado mes de xaneiro, apunta que en 2019 Galiza ocupaba o posto 136 en innovación entre 234 rexións europeas, situándose en 2022 no posto 155 e rexistrando un descenso de 19 postos en apenas tres anos. Neste mesmo período, o Norte de Portugal avanzaba de maneira considerábel até colocarse no posto 82, 73 por diante da Galiza, malia ocupar en 2019 o 175, 40 posicións por baixo do país, como consecuencia das políticas nesta materia do Executivo luso.

Ademais, o II Informe Socioeconómico do Eixo Atlántico recolle que en 2022 "as ratios que expresan os niveis de persoal ocupado en I+D+i por cada 100 persoas ocupadas subliñan un gran contraste coas medias do Estado, ao rexistrar unha ratio de 10,5 ocupados en I+D+i por cada 100 ocupados na Galiza e un índice de 12,1 no Estado”. Neste punto, advirte de que "non son moitas as empresas que desenvolven de maneira regular actividades de innovación tecnolóxica. Adóitana levar a cabo as empresas de maior dimensión e englobadas no sector industrial. Na Galiza predomina a investigación básica e a aplicada; e son baixos os indicadores relacionados coa alta tecnoloxía".

Os datos achegados para 2022, últimos publicados, polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), dependente do Ministerio de Ciencia, serven para radiografar o estado da I+D na Galiza. Así, a axencia xestora de recursos crediticios destinados ao financiamento de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación entre empresas apunta que o seu investimento situouse en 39,2 millóns de euros, o que significa un descenso do 37,5% en relación ao ano anterior, aprobando 65 proxectos, 34 menos que en 2021.

Comentarios