Galiza non é país para investigar: o investimento en I+D+i é 30% inferior á media do Estado

O Eixo Atlántico sinala as eivas desta industria no país.
Fernando González Laxe, Lara Méndez, Roberto Pereira e Xoán Vázquez Mao, esta sexta feira, en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Fernando González Laxe, Lara Méndez, Roberto Pereira e Xoán Vázquez Mao, esta sexta feira, en Santiago. (Foto: Arxina)

O Eixo Atlántico, organismo de cooperación transfronteiriza entre Galiza e Portugal, presentou esta sexta feira na cidade de Santiago de Compostela o seu II Informe Socioeconómico sobre o ano 2022. Este informe analiza a situación social e económica galega e portuguesa no exercicio pasado e subliña cuestións de importancia para ambas as sociedades como a inflación, os investimentos, a cuestión enerxética ou os retos de futuro para os dous países.

Unhas das principais conclusión que se poden tirar deste informe é o que ten a ver co investimento en I+D+i. O Eixo Atlántico explica que, se ben o investimento en termos xerais medra con respecto a anos anteriores, este sitúase 30% por baixo da media estatal. "As ratios que expresan os niveis de persoal ocupado en I+D+i por cada 100 persoas ocupadas subliñan un gran contraste coas medias do Estado, ao rexistrar unha ratio de 10,5 ocupados en I+D+i por cada 100 ocupados na Galiza e un índice de 12,1 no Estado”, alertan desde o Eixo Atlántico.

Aliás, desde o organismo de cooperación insisten en que "non son moitas as empresas que desenvolven de maneira regular actividades de innovación tecnolóxica. Adóitana levar a cabo as empresas de maior dimensión e englobadas no sector industrial. Na Galiza predomina a investigación básica e a aplicada; e son baixos os indicadores relacionados coa alta tecnoloxía".

Mercado laboral

A respecto do mercado laboral, o informe apunta varias cuestións de especial relevancia no caso galego. Así, despréndese do informe que Galiza se mantén entre os territorios do Estado español con menores taxas de actividade e de ocupación, o que subliña que "a economía galega ten moitos problemas en xerar emprego aínda que rexistre taxas de crecemento económico positivas".

O aumento do emprego que se deu no país, produciuse en maior medida no "sector servizos, entre as persoas asalariadas no sector privado, nas persoas con estudos superiores e nos maiores de 45 anos", salientan. "A taxa de paro afecta porcentualmente máis as mulleres que os homes. Hai que destacar, igualmente, o lixeiro incremento do desemprego entre as persoas mais mozas que se sitúa en 32,5%", manifestan a respecto das taxas de desemprego e da fenda de xénero.

Baixa produtividade industrial

O informe fai un especial énfase tamén no problema industrial do país. Así, indican que "un dos principais problemas da economía da Galiza é a baixa produtividade relativa á industria manufactureira, que, no último ano, situouse en só 69,2% da media estatal en termos de postos de traballo equivalente a tempo completo e en 72,7% en termos de horas traballadas". Non obstante, "tanto a construción como en menor medida as actividades de servizos presentan unha produtividade superior á media española", acrecentan desde o Eixo Atlántico.

No eido social, a análise do organismo céntrase en que existe no país unha clara dinámica de envellecemento "rápido" da poboación, onde "os estratos de poboación de maior idade son bastante superiores aos estratos máis novos da sociedade". Deste modo, a poboación de máis de 75 anos congrega 13,6% do total e a menor de 10 anos 7% do total de toda a sociedade da Galiza, subliñan desde o Eixo Atlántico.

Comentarios