A inflación aumenta en marzo case medio punto con respecto a febreiro

O IPC subxacente segue en niveis máximos en 40 anos.
Os combustíbeis abaratáronse con respecto a marzo de 2022 (Foto: Sandor Jackal).
photo_camera Os combustíbeis abaratáronse con respecto a marzo de 2022 (Foto: Sandor Jackal).

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu 0,4% en marzo en relación ao mes anterior e recortou máis de 2,5 puntos porcentuais a súa taxa interanual, até 3,3%, o seu menor valor desde agosto de 2021, segundo os datos, aínda provisionais, publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A pesar de que os prezos foron en marzo máis altos que en febreiro, a taxa interanual, é dicir, a comparación co mesmo mes do ano anterior, descendeu.

Esta contradición dáse polo feito de que a comparanza interanual faise cun mes de marzo de 2022 no que xa se deixaba notar a escalada de prezos tras o inicio da guerra en Ucraína.

Por outra parte, o INE engadiu que o menor crecemento interanual dos prezos en marzo viuse influenciado polo abaratamento da electricidade e dos carburantes, fronte á repunta destes produtos no mesmo mes de 2022.

O INE incorpora no avance do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en marzo baixou unha décima, até 7,5%, situándose 4,2 puntos por encima do IPC xeral e nos seus valores máis altos en máis de 40 anos.

IVE dos alimentos

O Centro de Políticas Económicas da Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (Esade) constatou esta quinta feira que a rebaixa do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) do Goberno estatal a determinados alimentos está a trasladarse na maioría dos casos aos prezos.

Porén, Esade considera que a medida é "custosa e ineficiente", xa que destina un maior gasto público agregado (en euros que se deixan de ingresar por IVE) para as familias de máis renda.

Segundo un informe do centro, cinco de cada dez euros que se deixaron de recadar foron parar a 40% dos fogares que teñen maior capacidade económica.

Comentarios