Unha escolma do papel

A industria xoga suxo no sector do leite

Ameazas ás explotacións e baixadas “unilaterais” dos prezos en orixe ameazan un sector no que Galiza é estratéxica, mais que adoece pola falta de intervención pública.

Produción leiteira

A recuperación non alcanza o sector lácteo galego. Mais non o fai desde hai décadas. Malia o repunte coxuntural dos prezos no último ano -froito do aumento do valor do leite en pó e a nata no mercado
internacional- a queda do prezo en orixe non cesa desde xaneiro de 2014.

O excedente na produción está a ser aproveitado pola industria para ameazar as explotacións gandeiras con non lles recoller o leite como medida de presión para lles pagar menos por el. Nalgúns casos o litro
págase a 0,32€/l. e sitúa o noso país entre os territorios da Unión Europea onde o seu prezo é máis baixo, xunto con Lituania, Romanía, Letonia, Polonia, Estonia e Hungría. Estes dados foron fornecidos pola Comisión europea a respeito dos prezos correspondentes a xullo de 2014 e contradín os discursos da Consellaría de Medio Rural.

O xogo suxo practicado pola industria reflíctese no caso de Leite Río S.A. A coñecida empresa láctea xerida polo lugués Jesús Lence enviou unha carta a boa parte das explotacións gandeiras ás que recolle o leite para lles anunciar que deixaría de facelo a partir do 1 de outubro de 2014 se a 'calidade' do produto non melloraba.

Para argüír a merma da súa calidade, Río asegurou que os valores de lactosa detectados no produto excedían as porcentaxes fixadas. Porén, as analíticas practicadas foron desenvolvidas pola propia empresa e non por grupos independentes como podería ser o Laboratorio Interprofesional Galego do Leite (LIGAL), o que fixo dubidar as organizacións agrarias mesmo da veracidade dos dados fornecidos por Leite Río.

A "LEI DA SELVA"

As ameazas de Lence non chegaron a se efectivizaren, até o momento, no caso dos particulares. Así as cousas, a empresa baixou 2 céntimos o prezo da recollida en orixe, causando importantes perdas entre @s produtor@s que, malia non obteren marxe de beneficio coa venda do produto, continúan a ver incrementar o prezo dos insumos.


“As industrias lácteas queren redeseñar o sector á súa medida sen contar con ninguén e co beneplácito das administracións”, denuncian desde a Federación Rural Galega (Fruga). Para a organización agraria, a
baixada “unilateral” dos prezos por parte da industria e as ameazas recibidas pol@s gandeir@s reflicten que no sector está a rexer “a lei da selva”.

“É incomprensíbel que algunhas industrias lácteas decidan unilateralmente” empregar o dado da porcentaxe de lactosa “como un falso criterio de calidade”, critican. En boa medida, porque o seu valor vese influído pola “alimentación” e o “manexo dos animais” acrecentándose no caso do base legal”, denuncian desde a Fruga.

Desde as organizacións agrarias amósanse cert@s de que a Xunta de Galiza -através da Consellaría de Medio Rural e do Mar- está a actuar como “autora” ou “cómplice” da situación que atinxe o sector lácteo, pois, din, “os feitos indican que a consellaría dá por mortas a Mesa do leite e a Interprofesional láctea”, órganos que tiñan por obxecto servir de canles de interlocución e toma de acordos entre os distintos axentes á fin de regular o sector. Mais estes espazos non se reúnen desde hai meses. 

Ao mesmo tempo, perante as críticas e denuncias das explotacións e as organizacións agrarias, a Consellaría decidiu non tomar parte no conflito e limitarse a “animar” os axentes a asinar contratos “co
prezo referenciado a algún indicador de mercado”, como os derivados. Mais sen se ofrecer a mediar perante unha industria que a todas luces ten a tixola polo mango e está a mudar as regras de xogo segundo lle convén.

Comentarios