A crise non afecta Inditex: aumenta os seus beneficios en 80% no primeiro trimestre

A multinacional rexistrou entre febreiro e abril de 2022 un beneficio neto de 760 millóns de euros, case o dobre que no mesmo período do ano anterior, e a maior marxe bruta sobre vendas da última década.
Unha tenda de Zara en Madrid. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera Unha tenda de Zara en Madrid. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

Inditex rexistrou un beneficio neto de 760 millóns de euros durante o primeiro trimestre do exercicio fiscal 2022-2023 (entre o 1 de febreiro e o 30 de abril), o que supón un incremento do 80% respecto a un ano antes, grazas a un "forte" desempeño operativo, segundo informou este mércores o grupo, que presentou os primeiros resultados con Marta Ortega á fronte da presidencia.

A compañía decidiu realizar unha provisión de 216 millóns de euros correspondentes a todos os gastos derivados da guerra en Ucraína e da situación comercial de Rusia. Esta provisión está rexistrada na liña "outros resultados" e sen ela o beneficio neto alcanzaría os 940 millóns de euros.

As vendas medraron 36%, até os 6.742 millóns de euros, apoiadas pola "forte" recuperación do tráfico nas tendas e pola "boa acollida por parte dos clientes e clientas das coleccións das sete marcas do grupo".

Inditex destacou que o crecemento foi "robusto" en todas as áreas xeográficas, coa excepción daqueles mercados, como Ucraína e Rusia, onde se manteñen fechadas temporalmente as tendas e a plataforma 'en liña' do grupo desde o 24 de febreiro e o 5 de marzo, respectivamente, ou a China, onde 67 tendas estiveron suxeitas a fechamentos relacionados coa Covid-19.

Os Estados Unidos seguen a medrar de maneira "notábel" e consolídase como o segundo maior mercado do grupo. Aliás, segundo a firma, a venda 'en liña' "segue mostrando a súa fortaleza", aínda que ficou 6% por baixo da do mesmo período do ano anterior, consolidando case na súa totalidade o incremento de 67% rexistrado no primeiro trimestre de 2021.

O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, sinalou que estes resultados son froito "dun modelo diferenciado e a pleno rendemento". "A fortaleza e capacidade de adaptación do modelo de negocio, e o sólido desempeño dos nosos equipos creativos, comerciais e operativos profunda a diferenciación da nosa proposta, cunha marcada orientación á innovación, a dixitalización e a sustentabilidade", engadiu.

A marxe bruta sobre vendas alcanzou 60,1%, o maior dato nos últimos dez anos, cun gasto operativo que aumenta 24%, por baixo do crecemento das vendas. O resultado bruto de explotación (Ebitda) subiu 55%, até os 1.917 millóns de euros, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) fíxoo en 82%, até os 1.034 millóns de euros.

Comentarios