Os beneficios de Iberdrola medran 36% no primeiro semestre, até os 2.075 millóns de euros

A compañía de Ignacio Sánchez Galán agarda fechar o ano cunhas "ganancias récord" de entre 4.000 e 4.200 millóns de euros.
Ignacio Sánchez Galán, nunha Xunta de Accionistas de Iberdrola (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, na Xunta de Accionistas. (Foto: Europa Press)

Iberdrola obtivo un beneficio neto de 2.075 millóns de euros no primeiro semestre de 2022, o que representa unha repunta de 36% a respecto do mesmo período do exercicio anterior, impulsado polos seus negocios internacionais, segundo informou a compañía nun comunicado.

A enerxética presidida por Ignacio Sánchez Galán destacou que este aumento nas súas ganancias rexistrouse a pesar dunha baixada de 26% na contribución no Estado español, afectada, fundamentalmente, polos altos prezos da enerxía, que non se traspasaron aos clientes con prezos fixos acordados previamente, que se viu compensada polo forte crecemento nos EUA, Brasil e Reino Unido.

Con esta senda de beneficios a metade do ano, Iberdrola reafirmou o seu obxectivo de ganancias récord para este 2022 de entre 4.000 e 4.200 millóns de euros.

O resultado bruto de explotación foi de 6.444 millóns de euros

O resultado bruto de explotación (Ebitda) de Iberdrola medrou 18% no primeiro semestre, até os 6.444 millóns de euros, cunha evolución positiva en todas as xeografías agás no Estado español.

Novo gravame ás eléctricas

Estes resultados preséntanse logo de que o Goberno estatal anunciase o novo imposto aos beneficios extraordinarios das grandes eléctricas, isto é, as que teñen unha facturación superior a 1.000 millóns de euros.

A medida entrará en vigor en 2023; porén, o Executivo avanzou que se aplicará sobre os beneficios do ano actual. Estima unha recadación duns 4.000 millóns de euros ao longo dos dous exercicios nos que ficará en vigor.

Comentarios