A hostalaría, após a reunión coa Xunta, segue pendente do DOG

A reunión mantida entre Xunta e asociacións da hostalaría galega e o Clúster de Turismo rematou de maneira cordial á espera de que se concrete no Diario Oficial da Galiza (DOG) os compromisos do Goberno galego. Desde o sector pídense máis axudas e manteñen as mobilizacións para a vindeira quinta feira.  
Xuntanza de Alfonso Rueda e María Jesús Lorenzana co clúster de turismo e organizacións galegas de hostalaría (Xunta da Galiza).
photo_camera Xuntanza de Alfonso Rueda e María Jesús Lorenzana co clúster de turismo e organizacións galegas de hostalaría (Xunta da Galiza).

A reunión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, cos representantes do Clúster de Turismo da Galiza e as asociacións de empresarias e empresarios de hostalaría foi a porta fechada e sen presenza de medios de comunicación. Ao remate, poucas declaracións até non transmitir o resultado da xuntanza ás asociadas e aos asociados das entidades, mais deixando transcender que foi "amigábel" e "positiva" á espera de que se concrete no Diario Oficial da Galiza (DOG) a proposta do Goberno galego anunciada a pasada sexta feira polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

César Clemente Sánchez-Ballesteros, presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, explicou a Nós Diario que se acordou "realizar unha mesa de diálogo para concretar actuacións" coa intención de "ver todos os ámbitos nos que se tratarían as axudas". En todo caso, considera que "o máis importante é clarificar cales son as responsabilidades de cada administración e que competencias ten cada unha”. Pon como exemplo os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) que dependen do Goberno español e para os que xa pediron “bonificacións”. 

Agardar a ver que se publica no DOG

O presidente da Asociación Provincial de Empresarias e Empresarios da Hostalaría de Lugo, José Francisco Real Castro, asegurou a Nós Diario que "o máis importante é que todas as asociacións tivemos unha primeira negociación e está aberta a porta para outras axudas" mais sinalou que todo vai depender "do desenvolvemento da pandemia".

Por parte do Clúster de Turismo o seu presidente, Cesáreo  Pardal, valorou estas axudas como "insuficientes, pero son as primeiras" que unha administración pon "a fondo perdido". 

Continuarán as mobilizacións no sector

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, tamén anunciou que a vindeira quinta feira volverán manifestarse para reclamar axudas "directas" ao sector tras o fechamento decretado desde o sábado día 7 e que continuará durante un mes. A protesta conta co apoio "doutras asociacións" tamén a nivel estatal e queren que conflúan ese día "a partir das 11 da mañá", apostilou.

Real deixou claro que "non se pode sacrificar un sector como ocorre co noso, é un sector absolutamente sacrificado desde que empezou a pandemia en marzo". Explicou que están "sen ningún tipo de ingresos e facendo fronte a gastos coma se estivésemos abertos".

A hostalaría nos centros de traballo

Alén diso, a hostalaría segue a funcionar no interior dos grandes centros de traballo. A Consellaría de Sanidade vén de anunciar que desde onte os empregados que se consideren un grupo "burbulla" de convivencia estábel dentro da contorna laboral poderán partillar mesa nas cafetarías ou estabelecemento de restauración das empresas, tamén en centros sanitarios e hospitais. 

En relación á súa capacidade, seguirá a ser de 50% e o consumo no interior unicamente pódese realizar sentado. Ademais, as mesas ou agrupacións de mesas, entre as cales se debe cumprir a distancia de seguridade, terán un máximo de seis persoas. 

Na exposición de motivos, a Consellaría xustifica a ampliación desta medida porque se ten en conta "a relación na contorna de traballo" entre as empregadas, o que determina que "poidan considerarse para estes efectos como unha burbulla".

Comentarios