A Xunta anuncia axudas á hostalaría por 12 millóns de euros

Os negocios hostaleiros terán axudas de entre 2.200 e 7.000 euros.

Imaxe de terrazas baleiras polo coronavirus no municipio de Ames. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de terrazas baleiras polo coronavirus no municipio de Ames. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, anunciou que o seu Executivo activará axudas que irán desde os 2.200 até os 7.000 euros para os titulares de establecementos da hostalaría afectados pola pandemia e as últimas restricións aprobadas na Galiza -onde a actividade non esencial pechará, en principio durante un mes, nas sete principais cidades e outros 53  concellos-.

Estas axudas serán complementarias ás prestacións xa derivadas automaticamente do cesamento da actividade e o seu rango máis baixo destinarase a aqueles titulares autonómos con establecementos sen empregados, mentres que o máis alto poderíano alcanzar os propietarios de negocios hostaleiros con traballadores.

"O peche de novembro producirá o dereito a ERTE sen custo para o titular, vai por conta da Seguridade Social e dos fondos de emprego estatais. Estas axudas son adicionais", trasladou o presidente galego na rolda posterior ao Consello da Xunta, onde tamén insistiu en que os bares e restaurantes non son culpábeis no contaxio do virus, senón a "relaxación social" dos clientes que acoden aos mesmos.

Ademais, na liña do xa exposto esta semana polo vicepresidente primeiro e responsable de Turismo, Alfonso Rueda, Feixoo pediu a implicación do Goberno estatal, ao que urxiu a analizar a posibilidade de reducir o IVE turístico ao 4% durante o tempo que dure a pandemia.

Finalmente, apelou a que se bonifiquen as taxas municipais que impactan no sector da hostalaría.

Os hostaleiros galegos secundarán mobilizacións contra o peche do sector e para esixir axudas, segundo explicaron a Europa Press desde as distintas asociacións consultadas.

Comentarios