A Xunta comprométese a rebaixar os requisitos para as axudas á hostalaría galega

Nunha segunda reunión con asociacións da hostalaría e o turismo a Administración galega anunciou axudas por valor de 50 millóns de euros adicionais. No Estado español activouse a primeira demanda por danos na hostalaría causados pola Covid-19. 
Traballador da hostalaría preparando unha das mesas nunha terraza en Compostela (Foto: Riobó Prada)
photo_camera Traballador da hostalaría preparando unha das mesas nunha terraza en Compostela (Foto: Riobó Prada)

A segunda reunión entre a Xunta da Galiza, algunhas asociacións da hostalaría galega e o clúster de Turismo rematou esta sexta feira coa nova de que o plan proposto pola Administración galega para a hostalaría estará incluído dentro das axudas a autónomas e autónomos así como a microempresas e non sairá até o mes de febreiro. O importe anunciado que se destinará será "dun mínimo de 50 millóns de euros adicionais, que se suman aos 86,2 millóns da primeira convocatoria", explican nun comunicado.

Ao remate da reunión, representantes da hostalaría insistiron en que están a pasar unha situación "moi difícil" polo que demandaron un acordo entre todas as Administracións para que as axudas cheguen ao sector.

Entre as peticións que formularon foi a de unificar ferramentas e resolver incidencias na distribución das axudas. "Erros como que, por ter aprazados pagos á Seguridade Social, o sistema informático detectábaos como debedores e denegáballes as subvencións", explica César Ballesteros, da Hostalaría de Pontevedra

O BNG urxe o rescate da hostalaría

As asociacións da hostalaría e o clúster do turismo mantiveron antes un encontro co BNG. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao remate "un plan coordinado e negociado con concellos e deputacións no que cada unha das tres administracións achegue o mesmo esforzo orzamentario". Desde a formación nacionalista ofreceron "toda a colaboración do BNG para botar unha man a favor da xente que o está pasando mal".

Pontón pediu que este plan de rescate para a hostalaría, o comercio e o turismo "debe ter por obxecto compensar até 70% da perda de ingresos mensuais, aplicábel todo o tempo que duren as limitacións". 

Demanda polos danos na hostalaría en 2020

Máis de 700 hostaleiras e hostaleiros de todo o Estado español sumáronse até agora á demanda colectiva que se presentará a vindeira semana perante o Tribunal Supremo (TS) contra o Goberno español e as administracións autonómicas polos danos soportados polo sector durante o ano 2020, que estiman nun total de 55 millóns de euros. O grupo que prepara a demanda puxo como data límite para sumarse o día 14 de marzo de 2021, o aniversario do estado de alarma.

A indemnización que solicitan é a equivalente a 75% das perdas de 2020. O fundamento para que sexa esta cifra está relacionado coa porcentaxe que tivo en conta a Administración alemá por este mesmo motivo. A demanda colectiva está aberta, tamén, aos negocios que xa fecharon como consecuencia da pandemia.

Comentarios