O plan de rescate da hostalaría podería contar con 80,5 millóns en axudas

O acordo ao que se chegou incorporará por parte da Xunta 75 millóns de euros e ao redor doutros 5,5 millóns das deputacións, á espera de fechar a participación dos concellos neste fondo común.
Xuntanza de onte entre Xunta, deputacións e Fegamp no Pazo de Congresos e de Exposicións da Galiza, en Compostela (Deputación da Coruña)
photo_camera Xuntanza de onte entre Xunta, deputacións e Fegamp no Pazo de Congresos e de Exposicións da Galiza, en Compostela (Foto: Deputación da Coruña)

O plan de rescate para a hostalaría seguirá negociándose esta vindeira sexta feira após unha maratoniana reunión hoxe entre Xunta, deputacións e Fegamp. O acordo ao que se chegou incorporará por parte da Xunta 75 millóns de euros (0,65% das súas contas para este ano) e ao redor doutros 5,5 millóns das deputacións (1% dos seus orzamentos), á espera de fechar a participación dos concellos neste fondo común, tendo en conta que os grandes xa trasladaron a súa vontade de poñer un 1% dos seus recursos, ao redor de 9,3 millóns en total. 

"Hoxe estivemos perto mais non nos puxemos de acordo á hora de quen ten que repartir ese diñeiro e o sector pediu por unanimidade a ferramenta da Xunta", subliñou o presidente do Clúster Turismo da Galiza, Cesáreo  Pardal, ao termo da xuntanza. Ao seu xuízo este "segundo tempo" foi "decepcionante", despois dunha primeira cita na que se coñeceu a vontade das administracións locais de achegar un 1%.

"Mais na segunda parte non nos puxemos de acordo en chegar a ese entendemento de quen repartía ese diñeiro". Asegura que "o sector propoñía unha ferramenta que está contrastada que é eficiente de celeridade, que inxecta o diñeiro nun prazo dun mes e medio no sector", recalcou. Neste sentido desde a Fegamp apostouse por ser os concellos os que tivesen esa responsabilidade.

O Plan de Rescate no Parlamento

A proposta de 1% para a hostalaría colouse no Parlamento horas antes de ter lugar a reunión sobre o plan de rescate. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciba a ampliación de 50 a 75 millóns de euros deste segundo plan e pedía a concellos e deputacións acordar unha folla de ruta "na que todos aportemos os recursos que se precisan".

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, criticaba que as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo exixisen que cada unha das administracións implicadas no fondo de cooperación Covid-19 destinara 1% dos seus orzamentos "sen ter en conta" o gasto sanitario e en educación do Executivo autonómico.

Pola súa banda, o deputado nacionalista David Pérez reprobaba que o Goberno galego articulase as primeiras axudas para o sector "nove meses despois" do inicio da pandemia e defendía que o "esforzo" das administracións "debe ser o mesmo en función do seu orzamento", lembrando que mentres o da Xunta ascende a 12.600 millóns de euros, o das deputacións sitúase por baixo dos 500 millóns e, o dos concellos, ao redor de 1.200 millóns. 

Aumento "insuficiente"

As deputacións  de Lugo, A Coruña e Pontevedra viron, horas depois, o aumento anunciado por Feixoo como "insuficiente". Nun comunicado conxunto, as tres institucións gobernadas por PSdeG e BNG, mantiveron a proposta de que cada unha das administracións achegue 1% do seu orzamento, de forma que o total alcance os 140 millóns de euros.

En calquera caso, advirten que a proposta de Feixoo representa "só 0,64% dos 11.663 millóns de euros de orzamento da administración autonómica". De aplicar o mesmo esforzo os organismos provinciais, achegarían uns 22,7 millóns.

Comentarios