mércores 14/04/21

Feixoo anuncia un probábel endurecemento das restricións pero desbota confinar

Núñez Feixoo ve "probábel" que nos vindeiros días se endurezan as restricións xa que "todos os datos" de aumento de contaxios e de presión hospitalaria e das unidades UCI son "malos, sen ningún tipo de condición nin de matiz". Ademais alertou de que o número de vacinas é "insuficiente".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, compareceu en rolda de prensa após finalizar o Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, compareceu en rolda de prensa após finalizar o Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ve "probábel" que nos vindeiros días se endurezan as restricións para facer fronte ao avance da pandemia do coronavirus, xa que "todos os datos" de aumento de contaxios e de presión hospitalaria e das unidades de coidados intensivos (UCI) son "malos, sen ningún tipo de condición nin de matiz", dixo na súa comparecencia posterior á reunión semanal do Consello de Goberno. 

Feixoo chamou a poboación a cumprir as normas ante o impacto da terceira onda, que será duro e  "superior en número de hospitalizacións e de ocupacións en UCI" á da primeira onda.

Preguntado polos medios por se ve necesario o confinamento domiciliario -xa que se fixo na primeira vaga e agora, segundo el mesmo indicou, os datos serán peores- asegurou que confinar toda a poboación sería a última opción e que de cumprírense as normas non sería preciso.

O presidente matizou que a diferenza da primeira vaga agora podemos "controlar mellor" ao haber probas PCR e de antíxenos, aínda que o número de persoas hospitalizadas poida ser maior. A gran diferenza entre a primeira onda e terceira é a taxa de mortalidade por cada 100.000 habitantes, dixo, aínda que o número de pacientes sexa superior, cuestión que responde, ao seu xuízo, a tres razóns: evítanse máis mortes que na primeira onda, diagnostícase moita máis xente "e ampliamos camas hospitalarias e de UCI". 

Autoconfinamento

De "falta de rigor" acusou o mandatario galego ao Goberno español por non acceder á petición formulada por varias comunidades, entre elas a galega, para permitir que os Executivos autonómicos poidan adiantar o recoller obrigatorio para antes do límite fixado no decreto de alarma: as 22 horas. "Nin xestiona nin deixa xestionar", dixo do Goberno estatal, engadindo que o comité clínico que asesora a Xunta ve chave esta "ferramenta".

Non pasaron nin tres meses desde que Feixoo criticara en novembro o estado de alarma e o recoller obrigatorio por consideralos "demoledores" para a imaxe da Galiza e o Estado e por "cargarse" o consumo no Nadal. Cuestionado por este cambio de parecer, matizou que a súa oposición non é ás restricións senón á nomenclatura. "É un erro chamalo 'toque de queda' e utilizar un estado de alarma para xestionar a pandemia" e avogou por non empregar eses conceptos e optar por unha lei sanitaria que regule a xestión da pandemia. 

"É un erro chamalo 'toque de queda' e utilizar un estado de alarma para xestionar a pandemia", di Feixoo

En todo caso, o presidente pediu á poboación ficar na casa ao saír de traballar salvo que sexa por "unha compra esencial ou un paseo individual".

Vacinas insuficientes

Feixoo advertiu que as doses da vacina que chegarán á Galiza son e serán "insuficientes" nos próximos meses e asegurou que no país, de forma "xeneralísima", extráense as seis doses que contén cada vial da solución do laboratorio Pfizer. A Cadena Ser informaba esta quinta feira, 21 de xaneiro, da perda de milleiros de doses dado que en moitas comunidades non dan extraído do vial a última dose -a sexta- xa que se precisa de xiringas especiais -o Ministerio avisou en xuño as comunidades para conseguilas-. A Cadena Ser indicaba tamén que na Galiza extráense as seis doses en 90% dos casos.

Por outra banda, o Consello da Xunta tamén aprobou o plan de inspección de servizos sociais de 2021, que ampliará 36% o número de inspeccións a centros sociais realizados en 2020 (foron 1.132 inspeccións totais, das que 327 se realizaron en residencias).

Como informou Nós Diario, un dos problemas ao respecto radica en que, tal e como recolleu o informe de 2017 do Consello de Contas da Galiza, “malia que os centros non corrixiron as irregularidades observadas [en actas de Inspección anteriores], a Inspección non propuxo a iniciación de expedientes sancionadores”. 

A Xunta avanza un segundo plan de axudas á hostalaría

O presidente da Xunta avanzou que o segundo plan de rescate a profesionais por conta propia, microempresas e hostalaría contará "como mínimo" con 50 millóns de euros, que se sumarán aos 86 millóns do primeiro plan, do que, segundo asegurou, “a maior parte xa está pagado”, indicando que das máis de 40.000 solicitudes xa están aboadas 80%.

Delas, 24.000 proveñen do sector da hostalaría. Feixoo tamén afirmou que a Xunta está disposta a participar nun novo plan de rescate no que a Administración galega achegaría 50%, as deputacións 30% e os concellos 20%. “Mantemos a man tendida para buscar un acordo”, dixo. 

Precisamente a semana pasada as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra fixeron fronte común para exixir a Feixoo maior apoio á hostalaría e ao comercio “tras nove meses de esforzo do mundo local sen ter recursos nin competencias”. Tamén o concello de Pontevedra emprazou a Xunta a apostar por plan conxunto de rescatar dos sectores económicos máis afectados pola pandemia. 

Axudas posdoutorais

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou este 21 de xaneiro a convocatoria da Xunta de axudas á etapa posdoutoral da modalidade B (estabelecemento e consolidación dunha liña de investigación propia), dirixidas a persoal investigador en organismos públicos e outras entidades do sistema de I+D+i. Está dotada de 2,5 millóns de euros para 24 contratos (14,3% e tres contratos máis con respecto á ultima convocatoria).

Estas axudas consisten nun contrato de dous anos e unha axuda complementaria co fin de dar continuidade á carreira investigadora destas persoas e permitir nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

A anterior convocatoria de contratos predoutorais e posdoutorias do Goberno galego desencadeou críticas das investigadoras e investigadores galegos que viron empezar 2021 "co desmantelamento do principal programa de contratación do sistema galego de ciencia", segundo cualificaron desde a rede InvestiGal.

Nós Diario recolleu o 20 de xaneiro as críticas da Plataforma Galega de Traballadores e Traballadoras de Investigación Sanitaria, que considera "ofensiva e indignante" a proposta económica da patronal das fundacións no marco das negociacións do seu primeiro convenio colectivo, pedindo acabar coa temporalidade para evitar a "fuga 
de talentos".

A Xunta informou ademais de que se destinarán 24 millóns a axudas aos grupos máis competitivos do sistema de I+D+i da Galiza, nunha convocatoria dirixida ás tres universidades, organismos e centros públicos de investigación e ás fundacións de investigación sanitaria. Concederanse a grupos de referencia competitiva, grupos de potencial crecemento e a proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.

comentarios