Carlos Aymerich, Profesor de Dereito Administrativo da UDC: "O Goberno galego ten competencias en industria e podería nacionalizar"

Carlos Aymerich, Profesor de Dereito Administrativo da UDC

Na actual situación de crise económica e con algunhas grandes empresas anunciando o seu feche, a opción de nacionalización cobra forza. Non é algo novo e xa se puxo en marcha en máis dunha ocasión. A Unión Europea facilita, tamén, estas posibilidades, tal e como explica Carlos Aymerich nesta entrevista.

Cal é a razón para que as nacionalizacións sexan legais dentro do actual ordenamento xurídico?

Son legais. O que se dá en chamar a Constitución económica española foi concibida, polo menos así se dicía naquela altura, no entendemento de que era un marco que aínda que garantía a iniciativa pública e privada en pé de igualdade permitía a aplicación de diferentes programas políticos, desde o máis liberalizador até o dunha intervención máis decidida do Estado a través das nacionalizacións. Por iso está no artigo 128 recoñecida esa  iniciativa pública na economía. Sempre en igualdade, non hai unha subsidiariedade no sentido que a iniciativa pública só puidese aplicarse alí onde a iniciativa privada non fose eficiente ou non actuase. 

No que se refire ao marco europeo, a intervención pública da propiedade, a nacionalización, tamén está permitida. Os tratados europeos estabeleceron en primeiro lugar o que se dá en chamar a indiferenza do dereito europeo polo réxime de propiedade. É dicir, a propiedade dunha empresa pública ou privada non é unha cuestión que interese ao dereito europeo mais estabelece tamén o que se chamou igualdade de tratamento.

Se hai unha empresa pública, ten que rexerse polas mesmas normas, en especial en materia de competencia, que as privadas. Polo tanto, determinadas formas de relación entre os poderes públicos e unha empresa pública, como algunhas prestacións públicas, poderían ser consideradas axuda de Estado e serían declaradas incompatíbeis co dereito comunitario. É unha posibilidade absolutamente permitida, en especial cando se trata de sectores estratéxicos. 

Agora, no marco da xestión fiscal e financeira desta crise provocada pola COVID-19, o que fixeron a maioría dos países da UE desde o 12 de marzo é estabelecer un marco de flexibilización das condicións de autorización de axudas de Estado e relaxar aínda máis o control das intervencións. Unha nacionalización, desde o punto de vista europeo, pode ser a través dunha axuda de Estado, cando non se faga en condicións de mercado, ou pola contra cando a compra que faga o poder público da empresa se realice en termos aceptábeis tamén para un investidor privado. Igual que pasou na crise de 2008 cando a UE permitiu que se nacionalizasen bancos, como así aconteceu tamén no Estado español, agora pode facerse en empresas que actúan na economía real.

Que diferenza hai entre intervención e nacionalización?

A nacionalización supón que o Estado, ou os poderes públicos en sentido amplo, adquiren a propiedade dunha empresa. A intervención implica que manténdose a titularidade privada da empresa os poderes públicos asumen a súa dirección e a súa xestión. O que pasou no seu momento con Banesto. É o que acontece tamén cando hai unha intervención xudicial. 

Que maneira legal terían os Gobernos español ou galego de facer efectiva unha nacionalización?

Se se fai dentro do marco extraordinario da crise habería que solicitar autorización desta intervención á UE, para que non se considere unha axuda de Estado.

A UE sacou en marzo unha comunicación. Despois foi autorizando as axudas de cada Estado e logo estabeleceu un marco común. Dentro dese marco xeral cada Estado presentaba o seu propio cadro xenérico das medidas que pensaban adoptar. Alemaña incluíu expresamente a posibilidade de entrada de capital público nas empresas privadas, no caso do Estado español non estaba prevista. Pode preverse aínda.

A outra posibilidade é que o Estado merque a empresa a prezo de mercado. 

A Xunta da Galiza podería nacionalizar empresas como Alcoa?

O artigo 128 non estabelece unha competencia exclusiva do Estado español e, ademais, o Goberno galego ten competencias en materia de industria. Polo tanto, pode facelo perfectamente. Hai exemplos no mesmo sector do aluminio como o da fábrica que tiña Alcoa en Portovesme (Cerdeña), Alumix. Esa fábrica fechou en 2014 e o Goberno sardo de acordo co Goberno italiano buscaron un investidor privado e reactivaron a fábrica garantíndolle un prezo de enerxía como máximo de 44 euros/MW.