Opinión

Volven as nacionalizacións?

A mediados deste mes o ministro de Finanzas de Francia, Bruno Le Maire, sinalaba diante dos medios de comunicación que para axudar ás maiores empresas do país a facer fronte á crise do coronavirus había varias vías: “pódese facer mediante recapitalización, mercando accións, poderíase usar incluso a nacionalización se fose necesario”. Ou ben é unha arroutada, ou o ministro vai por libre e durará pouco no cargo, ou Macron ante a gravidade da situación está disposto a poñer por diante das posturas ideolóxicas a urxencia de salvar aquelas empresas estratéxicas en dificultades.

Resulta obvio que esta decisión iría en contra da filosofía da Comisión Europea e das múltiples institucións comunitarias e internacionais, creadas ao seu abeiro ou co seu apoio e gobernadas sen ningún tipo de control democrático, en beneficio dos lobbys empresariais. Que se nacionalicen empresas non sería unha novidade na historia do capitalismo, aínda que o neoliberalismo alente a falsa idea de que a xestión pública é sinónimo de desfeita. Fíxose cando interesou reflotar empresas privadas, sanealas e logo entregarllas ao sector privado. Será esta a postura de Macron, tendo en consideración a sua postura política? En todo caso non se pode esquecer que, malia as privatizacións, o capital público segue a contar con certa incidencia na actividade industrial, por exemplo no sector eléctrico e do automóbil. Ademais, o gasto público total representa neste país o 56% do PIB fronte a un 45% en Alemaña. 

A crise actual do sector produtivo industrial galego (e occidental), tamén agrario e pesqueiro, non se debe ao Covid-19

A crise actual do sector produtivo industrial galego (e occidental), tamén agrario e pesqueiro, non se debe ao Covid-19, aínda que sexa certo que a pandemia do coronavirus agravou os males da globalización neoliberal e pola súa dimensión social cuestiona normas e gobernos. Hai moito que a financiarización do sistema, o papel dominante que xoga a especulación, o espectáculo e a concentración tecnolóxica, veñen deteriorando as bases produtivas, salvándose só algúns países (e a excepción non é determinante). A nacionalización permitiría atallar a destrución destas empresas, mais non soluciona o problema de fondo. Cómpre mudar as regras de xogo económicas tanto no ámbito interno como internacional. O capitalismo está na súa etapa senil, como acaidamente a definía Samir Amin, daquela o perigoso das reaccións políticas das clases dominantes co obxectivo de salvar privilexios a toda costa.

A respecto das nacionalizacións: que pensará facer o Estado español? E o Governo Galego? Farán súa a que se anuncia como a proposta estrela de Francia?... Debería ser así tendo en consideración que na Galiza está en perigo a continuidade de empresas estratéxicas, do sector electrointensivo, dos  estaleiros de Vigo, etc. Resulta evidente que esta é unha problemática tamén a nivel mundial, rexional e no Estado, con características especificas en cada nacionalidade. A pandemia do Covid-19 cuestiona moitas cousas, dende a actividade privada até as relacións coa natureza, así como a dimensión do comercio internacional e do turismo de masas, as relacións laborais e sociais, o modo de vida, a xustiza e a solidariedade, a democracia formal... Sen cambios profundos estas eivas e contradicións iran a máis. Son transformacións que lavaran tempo e esforzo, que necesitan dunha reversión na correlación de forzas, e de moita organización e mobilización das clases populares.